Santiago de Compostela
“A tecnoloxía e a ciencia necesitan do traballo básico das universidades”. Así o afirma o Premio Nobel de Física 2017, Kip Thorne, ao profundar nos avances científicos e tecnolóxicos que se veñen experimentando nas últimas décadas e que poderían frearse no actual contexto internacional de incerteza. “Trump e a súa administración están destruíndo os lugares nos que se incuba a ciencia”, afirmou no encontro que mantivo este xoves 8 con medios de comunicación no Colexio de San Xerome. Thorne que visita Compostela no marco do Programa ConCiencia, da USC e do Consorcio de Santiago, apelou ao liderado de Europa e das súas universidades. “As empresas privadas non entran a investir en ciencia e tecnoloxía ata que isto resulta rendible”, explicou, motivo polo cal existe un labor previo moi importante “que se as universidades non o realizan, non o fará ninguén”.
Thorne lembrou o que aconteceu antes e durante a segunda Guerra Mundial, cando o persoal científico de Europa fuxía cara aos Estados Unidos por mor do avance do nazismo. A xuízo do Premio Nobel de Física 2017, agora Europa ten a oportunidade de facer o mesmo ante a perda de capital humano que a ciencia está a vivir nos Estados Unidos por mor das políticas de Trump e a súa administración. “A universidade europea debe tomar o liderado neste novo tempo”, dixo. “É difícil entender a mente de Trump pero creo que non se dá conta de que está a destruír a semente da tecnoloxía do século XXI”, engadiu.
A posibilidade dunha guerra nuclear foi outra das cuestións abordadas na rolda de prensa. Kip Thorne ve posible que chegue a producirse e amosouse sorprendido pola falta de medo que percibe na sociedade actual ante esta circunstancia. O físico lembrou que el mesmo tratou cos científicos soviéticos que crearon a bomba de hidróxeno, así como cos estadounidenses que lanzaron o programa nuclear norteamericano, entre eles Robert Oppenheimer. Naquela altura, lembrou Thorne, si que existía un medo real ante un conflito destas características. No actual contexto internacional, manifestouse a favor do rearme de Europa e defendeu a necesidade de “líderes con sabedoría para controlar esta situación”.
Axenda na USC
Con anterioridade á rolda de prensa, o científico mantivo unha xuntanza co reitor Antonio López Díaz e asinou no Libro de Honra da institución. Kip Thorne estivo acompañado polo director do Programa ConCiencia e catedrático da USC, Jorge Mira Pérez, quen lembrou que esta é xa a visita número 46 deste programa de divulgación científica. O profesor da Facultade de Física da USC, José Edelstein, que actúa como padriño nesta nova edición do ConCiencia, lembrou que Thorne é o “físico máis lendario vivo”.
O Premio Nobel de Física 2017 Kip Thorne impartirá este venres 9, ás 19.30 horas, no Salón de Actos da Facultade de Medicina e Odontoloxía o relatorio central desta nova visita do ConCiencia, baixo o título, ‘Explorando o lado curvado do noso universo. Dende buratos negros e buratos de verme ata ondas gravitacionais e viaxes no tempo’. Ademais, ao longo destes días en Compostela, impartirá clases na Facultade de Física e establecerá sinerxías co persoal investigador do Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e da Xunta de Galicia.
Con motivo da visita de Thorne, a Facultade de Física da USC e a súa biblioteca acollen unha exposición sobre a vida e obra deste científico. Na mostra realízase un percorrido pola súa biografía, actividade investigadora, premios acadados e academias e institucións nas que participa. A exposición pode visitarse na sala de lectura da biblioteca ata o 16 de maio.
Buracos negros
Kip Thorne, que obtivo o Nobel «polas súas contribucións decisivas ao detector LIGO e a observación de ondas gravitacionais», especializouse no estudo de buracos negros e estrelas de neutróns, e explorou a estrutura do espazo-tempo interesándose na posibilidade de realizar viaxes no tempo mediante buracos de verme. Durante décadas formou a xeracións de persoas que se dedican á Física e traballou xunto a figuras clave como Stephen Hawking e Roger Penrose (Premios Fonseca nos anos 2008 e 2011, respectivamente). Ademais, nos últimos anos mantivo unha estreita colaboración co cineasta Chistopher Nolan, a quen brindou asesoramento científico nalgúns dos seus títulos máis emblemáticos como é o caso dos filmes Interstellar (2014) ou Oppenheimer (2023).
Kip Thorne naceu en Logan, Utah (Estados Unidos), en 1940. Graduouse en física no Instituto Tecnolóxico de California (Caltech) e realizou o doutoramento en Princeton, en 1965, baixo a dirección de John Archibald Wheeler, o gran pioneiro da Relatividade Xeral tras a morte de Albert Einstein. Ao completalo regresou a Caltech, onde desenvolveu a maior parte da súa carreira académica.
Unha consecuencia da Relatividade Xeral é a existencia de ondas gravitacionais: vibracións do espazo-tempo que se producen cando obxectos masivos se aceleran. Os efectos son tan pequenos que a súa observación foi imposible durante un século. Recoñecido mundialmente polas súas achegas á Relatividade Xeral e á astrofísica, Kip Thorne foi un dos fundadores nos anos 70 do proxecto LIGO (acrónimo en inglés de ‘Observatorio de ondas gravitacionais por interferometría láser’), que permitiu por primeira vez a detección directa de ondas gravitacionais en setembro de 2015. Tratouse dun fito histórico que confirmou a predición realizada polo propio Einstein en 1916 e abriu unha nova xanela á exploración do cosmos: desde entón puidéronse observar máis de 100 fusións de buracos negros a centos de millóns de anos luz.
No detector LIGO utilízase tecnoloxía láser —cuxa xénese foi tamén obra de Einstein en 1917— para medir os pequenos cambios de lonxitude causados polas ondas gravitacionais en dous “brazos” de catro quilómetros de longo —as deformacións observadas son inferiores ao tamaño dun protón—. Thorne realizou contribucións cruciais ao desenvolvemento do detector. Por iso compartiu o Nobel de Física con Rainer Weiss e Barry Barish.
Autor de libros de referencia na formación académica da física, Kip Thorne destaca tamén polo seu papel como divulgador, con colaboracións con artistas, músicos ou cineastas, ou con libros como Buracos Negros e Tempo Curvo: o escandaloso legado de Einstein. Foi asesor científico e produtor executivo da película Interestellar en 2014, así como do libro divulgativo realizado sobre esta película. A súa participación asegurou un tratamento preciso de fenómenos como os buracos negros rotantes e a dilatación temporal, dando lugar a investigacións científicas orixinais.

