A Universidade de Vigo únense ao brinde pola ciencia do festival de divulgación Pint of Science en Vigo e Ourense

Con máis dun milleiro de eventos en 75 localidades, o festival de divulgación científica Pint of Science encherá de ciencia bares de toda España os días 19, 20 e 21 de maio. A través de charlas divulgativas, monólogos ou experimentos de entre 20 e 30 minutos de duración, investigadoras e investigadores de todas as áreas de coñecemento compartirán o seu traballo nun ambiente moi diferente ao habitual. Detrás desta iniciativa está unha asociación sen ánimo de lucro que conta con arredor de 600 voluntarios que fan posible esta décima edición en España. A Universidade de Vigo únese a este evento coa participación dos seus investigadores e investigadoras nas sesións que se celebrarán en Vigo e en Ourense. 

Na presentación da programación viguesa, que tivo lugar este mércores no edificio Redeiras, a vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama,  remarcou “a aposta decidida da Universidade de Vigo con calquera evento que teña que ver coa divulgación científica” e lembrou que dende 2019, cando botou a andar a Unidade de Cultura Científica da UVigo, a institución se involucra en multitude de propostas e actividades experienciais e directas coa cidadanía para que lles chegue o que se fai nos laboratorios dun xeito moito máis lúdico”. 

Ara Núñez, coordinadora do equipo local en Vigo, explicou na presentación que “achegar a ciencia á sociedade non é só unha opción, é unha necesidade. Cremos que o coñecemento non debe quedar nos laboratorios, senón que debe saír, contarse e compartirse. A miúdo cremos que a ciencia é difícil de entender, pero quizais só necesitamos que nola expliquen doutra forma”. Neste sentido, remarcou que Pint of Science presente “democratizar o coñecemento científico, promover unha cidadanía crítica e informada e, sobre todo, contribuír á xeración de vocacións científicas”.

No acto tamén estiveron presentes dous dos investigadores que impartirán charlas en Vigo, Carlos Renero, do CINBIO da UVigo e Samuel García Pérez, do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, e ambos destacaron a importancia de poñer o coñecemento científico a disposición da sociedade. “A ciencia, se non se conta, non existe e como persoal investigador temos o labor de dar a coñecer o que facemos, sobre todo cando boa parte dos nosos proxectos están financiados con cartos públicos”, destacaba García. Renero engadía que este tipo de iniciativas axudan a que a sociedade coñeza e se achegue aos grupo de investigación, “algún deles punteiros a nivel mundial, que están ao lado da súa casa, na súa propia cidade” e non a centos ou milleiros de quilómetros.

Nove investigadores da UVigo no Pint of Science da cidade olívica

Entre os días 19, 20 e 21 deste mes en Vigo desenvolveranse 12 charlas científicas en dous locais da cidade: El Castro e Vitruvia, nas que se abordarán temas como saúde mental e neurociencia, nanotecnoloxía, sociolingüística e intelixencia artificial, inmunoterapia ou segregación escolar, entre outros. As citas terán lugar a partir das 19.30 horas e serán de balde ata completar a capacidade e nelas participarán nove investigadores e investigadoras da Universidade de Vigo.

O día 19 en El Castro intervirá Ignacio Pérez Rey, investigador do Cintecx, cun relatorio titulado A arte de non caer: penedos fronte a enxeñaría, na que se achegará a estas formacións  graníticas como parte esencial da paisaxe xeolóxica galega e do norte de Portugal. Na mesma sesión participará tamén Raquel Ríos, do IIM-CSIC, que falará sobre os segredos dos océanos e s secuenciación masiva de ADN ambiental.

Ao día seguinte, no mesmo establecemento, será a quenda de Carlos Renero, do CINBIO da UVigo, que se centrará nas nanopartículas e as súas potencialidades no eido da medicina. O mesmo día intervirán tamén en El Castro Alejandro Camanzo e Manuel Diz, investigadores do GTA Grupo de Tecnoloxías Aeroespaciais do centro atlanTTic da UVigo, que explicarán as claves da exploración das covas lunares.

O día 21, as dúas sesións en El Castro correrán a cargo de persoal do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur (Samuel García e Mónica Martínez) que abordarán temas relacionados coas enfermidades reumáticas e a inmunoterapia.

Na outra sede da edición viguesa de Pint of Science, o café Vitruvia, intervirá o día 19 Claudia González López, da Escola Universitaria de Enfermería de Pontevedra, que falará sobre a importancia da información para o coidado da saúde. Tamén ese mesmo día participará a catedrática da UVigo e membro de Ecobas Coral del Río, que falará sobre segregación escolar por estatus migratorio.

O día 20, o investigador da UVigo Alessandro Marcomini, membro do Vigo Quantum Communication Center (VQCC) e de atlanTTic, falará sobre a mecánica cuántica e como permite resolver problemas complicados e protexer segredos. Nesta mesma sesión participará tamén Andrea Busto, tamén de atlanTTic, que abordará a diglosia dixital e os modelos de IA xerativa de texto.

Finalmente, o día 21 a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución María Méndez reflexionará sobre como o xeito de falar caracteriza como a sociedade nos percibe a nivel profesional, amoroso, social, etc. Nesa sesión intervirá tamén Carlos Spuch (Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur) para falar sobre saúde mental. 

Cinco investigadores do campus na programación de Ourense

Na cidade de Ourense Pint of Science celebrarase no Café&Pop Torgal a partir das sete da tarde, contando cun total de seis charlas científicas de temática diversa e ofrecidas case todas elas por persoal investigador do campus de Ourense. A programación arrancará o luns cunha sesión titulada Terra viva: entre lendas, augas e plásticos invisibles. Nela Montserrat Cruz, profesora da Facultade de Ciencias Empresariais e Turismo, falará das lendas relacionadas coas augas termais de Ourense e Andrés Rodríguez, da Facultade de Ciencias, do impacto real dos microplásticos.

O martes, co título Do Paleolítico aos superalimentos: unha viaxe pola nosa evolución, a programación contará cunha conferencia de Mikel Díaz, da Facultade de Historia, sobre os achados e escavacións máis importantes do Paleolítico en Galicia, e outra de Laura Moraga, do Centro Tecnolóxico da Carne, sobre os superalimentos. A actividade de Pint of Science pecharase en Ourense o mércores con outras dúas intervencións agrupadas baixo o título Tecnocivilización: entre máquinas e biocombustibles. Miguel Díaz, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, falará da socialización das máquinas, de como se comunican entre elas, e Pablo García, da Facultade de Ciencias, sobre como as tecnoloxías verdes están transformando residuos agroindustriais en biocombustibles sostibles.

Esta programación é posible en Ourense grazas ao traballo de dez voluntarios de Pint of Science e a colaboración de entidades como a Vicerreitoría do campus de Ourense, o Campus Auga e as facultades de Historia e Ciencias. 

Dez anos de Pint of Science

Ao longo de nove edicións, Pint of Science organizou en España un total de 1800 eventos en 750 bares nos que participaron máis de 4300 persoas investigadoras e 110.000 asistentes. A décima edición será a maior en canto ao número de eventos organizados e localidades implicadas.

Pint of Science naceu en maio de 2013 en Reino Unido, da man dos investigadores Michael Mostkin e Praveen Paul, que quería amosar a investigación que realizaban a persoas afectadas por distintas enfermidades mentais. A súa aposta por levar a ciencia aos bares estendeuse e na actualidade celébrase simultaneamente en 27 países dos continentes. Australia será a primeira en subir a persiana dos bares e en brindar polo coñecemento e a súa divulgación. Desde alí, e co resto de países anfitrións, comezará unha maratón de tres días de ciencia e bares de todo o mundo.