A Universidade de Santiago actualiza o Plan de Infraestruturas para o bienio 2025-2026

O Consello de Goberno da Universidade de Santiago aprobou este mércores a actualización do Plan de Infraestruturas para o bienio 2025-2026, un instrumento de planificación  que traza unha estratexia para a actualización das dotacións da USC de forma coherente e estable no tempo.

Entre as previsións para o bienio que deu comezo este ano figura a nova Facultade de Farmacia, da que xa se licitou a primeira fase para construír dous terzos do edificio que acollerá o aulario, a biblioteca, despachos e área de goberno e administración así como a totalidade do edificio de laboratorios de docencia. Nese novo centro de Ciencias da Saúde está previsto que se reemprace a nova Facultade de Enfermaría, algo que se levaría a cabo logo de rematada a primeira fase de Farmacia.

Ademais, neste tempo prevese convocar o concurso de ideas para a reforma e ampliación da Facultade de Ciencias da Educación, a integración da Facultade de Formación do Profesorado no Complexo Docente e a intervención integral na envolvente da Facultade de Filoloxía.

O Plan de Infraestruturas recolle así mesmo a rehabilitación integral das Facultades de Medicina e Odontoloxía e Química, xa en desenvolvemento, e da Facultade de Xeografía e Historia, que está inmersa nos traballos de redacción do proxecto de execución. En materia de rehabilitación do patrimonio, no bienio 2025-2026 acometeranse procesos de rehabilitación e reforma no edificio do Instituto da Lingua Galega (ILG), na Biblioteca América, nos Chalés dos Catedráticos e no Observatorio Astronómico.

Continuar con accións de mellora que supoñan seguir avanzando en materia de eficiencia enerxética e de redistribución de unidades administrativas e de servizos como o Pavillón Estudantil, entre outras, son tamén propósitos de acción na actualización do plan que vén de ser aprobada.

Oferta de emprego de PDI
Na mesma xuntanza, o Consello de Goberno da USC deu o seu visto bo á oferta de emprego público (OEP) de Persoal Docente e Investigador (PDI) para 2025, consistente en 163 prazas de profesorado con vinculación permanente. Delas, 118 corresponden ao sistema de quenda libre (53 de profesorado permanente laboral, 60 de profesorado titular e 5 de catedrático/a de universidade), das que 18 se reservan para incorporar persoal investigador doutor que obtivese o certificado I3 ou R3. AS 45 restantes son prazas de catedrático/a de universidade para a quenda de promoción interna.

Tamén no referido a PDI, na xuntanza desta tarde aprobouse unha modificación da Planificación de 2024 nunha praza de Historia Contemporánea, a resolución da convocatoria de seis licenzas por ano sabático no vindeiro curso, as solicitudes de prórrogas de dúas comisións de servizos e a proposta ao Consello Social de asignación de complementos retributivos autonómicos. Ademais, deuse o visto bo á asignación a áreas de coñecemento e especialidades de prazas vinculadas e de PACS, á reposición de prazas vacantes de PACS e convocatoria dos concursos correspondentes e ás prórrogas de contratos de profesorado asociado e PACS. Igualmente en materia de persoal, pero xa en relación ao PTXAS, aprobouse a modificación da RPT funcionario e laboral.

Creación do Comité de Bioseguridade
A Comisión Nacional de Bioseguridade recomenda a creación de Comités de Bioseguridade nos centros nos que se desenvolvan actividades con organismos modificados xeneticamente (OMX). É por iso que o Consello de Goberno da USC decidiu crear o Comité de Bioseguridade, coa finalidade de asesorar, avaliar e dar apoio á Universidade naquelas tarefas de investigación e de docencia que impliquen a utilización de axentes biolóxicos, incluídos os OMX así como as mostras potencialmente contaminadas con axentes biolóxicos, e vixiar que se cumpran as obrigas esixidas pola normativa vixente sobre bioseguridade.

Este comité estará constituído por un grupo especializado e multidisciplinario de persoas que traballará de maneira voluntaria e independente en coordinación co Comité de Ética na Investigación e co Servizo de Prevención de Riscos da USC para todos aqueles aspectos relacionados coa seguridade, a saúde e o medio ambiente aplicables tanto ás instalacións como ás actividades de investigación e  docencia, nos casos en que se utilicen axentes biolóxicos.

Normativa e plan de igualdade
En materia de planificación e normativa académica, aprobouse a modificación do Regulamento de Planificación Académica das titulacións oficiais da USC para adaptala aos cambios normativos derivados da entrada en vigor da Lei Orgánica do Sistema Universitario. O profesorado axudante doutor contratado ao abeiro da antiga LOU tiña asignadas 240 horas lectivas por curso académico, mentres que este mesmo profesorado contratado aplicando a actual LOSU asume 180 horas. Co obxectivo de eliminar as diferenzas dentro do colectivo, reduciuse a carga ao profesorado axudante doutor LOU nun total de 60 horas equiparando a súa dedicación ao contratado baixo a nova lei.

Así mesmo, aprobáronse as modificacións de memorias de catro dobres graos, a tramitación da modificación non substancial do Programa de Doutoramento en Turismo, a modificación da normativa de avaliación do rendemento académico dos estudantes e de revisión de cualificacións, e a modificación do acordo do Consello de Goberno de 27 de maio de 2010 polo que se establecen os criterios de admisión nos estudos de grao por cambio de  universidade ou de estudos universitarios, modificado por acordo do 10 de xuño de 2024. Os Regulamentos de Réxime Interno do Instituto de Investigacións Lingüísticas e Literarias (ILTIUS).

Noutra orde de temas, o III Plan estratéxico de Igualdade de oportunidades entre mulleres e homes da USC estivo vixente ata o mes de decembro do pasado ano 2024, mais tendo en conta que a USC está en pleno proceso de renovación dos seus Estatutos, o Consello considerou que o mais acaído é manter a vixencia do plan estratéxico actual.

A sesión deu tamén na aprobación da modificación do Regulamento de indemnizacións por razón do servizo da USC, de regulamentos de traballos de fin de estudos, cursos de estudos propios, memorias de estudos propios, asuntos económicos e convenios.