A Semana Santa de Galicia achega cultura, tradición e patrimonio con nove festas de interese turístico na comunidade

Santiago de Compostela, 16 de abril de 2025

Dúas Festas de Interese Turístico Internacional e sete de Interese Turístico para Galicia compoñen o máis destacado da oferta da Semana Santa na comunidade. Unha serie de festividades que recollen relixión e tradicións e permiten ás persoas visitantes gozar do rico patrimonio histórico, cultural e artístico destas zonas. Turismo de Galicia recolle a programación destas localidades na guía de 2025, que pode consultarse a través da páxina de Turismo.gal.  

Trátase, en concreto, das festividades de Semana Santa nas vilas de Viveiro e Ferrol, que contan co recoñecemento internacional. As Festas de Galicia de Interese Turístico que están incluídas no programa son a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis), a Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela e a Semana Santa de Lugo.

Festas de Interese Turístico Internacional

Desde o venres 11 ou Venres de Dores ata o Domingo de Resurrección, o 20 de abril, a Semana Santa de Viveiro enche as rúas desta vila costeira de solemnidade, como recolle a guía das festividades de interese turístico de Turismo de Galicia. Trátase dunha das de maior tradición na comunidade, varios dos seus pasos posúen grande interese artístico e histórico, remontándose ata o século XV. Un dos máis característicos é o paso da Cea, que sae no Xoves Santo na procesión da Última Cea, creado en 1808 por un artesán que tomou a mariñeiros do veciño porto de San Cibrao como modelos para as figuras dos Apóstolos. O Venres Santo pola mañá ten lugar a procesión do Encontro e o Sermón das Sete Palabras, mentres que pola tarde, realízase o Descendemento ou Desencravo, seguido das procesións do Santo Enterro – a máis luxosa de todas, cos levadores ataviados con negra roupa talar de longa cola e un gran caparucho con anteface- e a da Paixón. Xa de madrugada é o momento do Sermón da Soidade e a Procesión dos Caladiños. 

As cinco confrarías da Semana Santa de Ferrol encárganse de transformar a cidade coa súa relixiosidade na semana que vai do Domingo de Ramos ao de Resurrección. Malia que son días de procesións constantes, que recordan a chegada de Xesús a Xerusalén, a súa Paixón, Morte e Resurrección, os actos máis multitudinarios celébranse no Venres Santo. Este día, na praza de Armas da localidade, represéntase o encontro de Xesús Nazareno, camiño do calvario, con San Xoán, a Santa Verónica e a Virxe das Dores. Pola tarde, na procesión do Crucificado, vívese outro dos momentos emotivos, cando tras saír a cruz co Cristo Redentor tombada da capela, os confrades a levantan sobre o seu trono para comezar o percorrido. A procesión dos Caladiños, na que o silencio das persoas participantes so é interrompido polo son dos tambores e o arrastrar de cadeas, péchase coa Salve Regina. Algúns dos pasos destas confrarías datan do século XVIII, o que converte as procesións en espectáculos artísticos, tanto como relixiosos. 

Variada programación 

Ademais destas, a guía de Turismo de Galicia destaca que hai sete Festas de Interese Turístico da comunidade: a Festa do Santísimo Cristo de Fisterra, a Semana Santa de Cangas, a Semana Santa de Paradela (Meis),  Semana Santa de Betanzos, a Semana Santa de Mondoñedo, a Semana Santa de Santiago de Compostela, e a Semana Santa de Lugo. 

O máis característico das Festas do Santísimo Cristo de Fisterra son as representacións de distintos momentos da Paixón de Cristo por parte dun grupo de veciños da vila. O Xoves Santo escenifícase a Última Cea e do tradicional lavatorio de pés, así como a oración no Monte das Oliveiras e o prendemento de Cristo, para terminar coa procesión do paso da Oración do Horto. O Domingo de Resurrección, miles de romeiros asisten á representación en verso da chegada das mulleres ao sepulcro e do seu encontro co anxo que lles anuncia a Resurrección. A xornada culmina coa danza de Nosa Señora das Areas ou danza dos Paus. 

A Semana Santa de Cangas é a máis madrugadora de todas, con eventos desde o sábado 29 de marzo. Especialmente orixinal é a procesión do Xoves Santo, co Paso da Mesa, na que a escenificación da última cea conta con produtos naturais. O Venres Santo, a mañá ábrese coa procesión da Negación de San Pedro, unha das principais citas de xente nova durante as celebracións destas datas; como nota, unha chocolatada constitúe o peche. Desde entón e ata despois da medianoite vanse articulando distintas escenas para recrear as últimas horas de Cristo e as personaxes que o acompañaron. 

A parroquia de Santa María de Paradela, en Meis, Pontevedra, acolle unha das Semanas Santas galegas máis peculiares, cunha coidada representación das principais escenas destes días que desde 1993 organiza a Confraría de Semana Santa e Pascua. Nestas recreacións, o público participa activamente, o que axuda a dotar de maior realismo ás escenas. As datas centrais da Semana Santa acollen todas cadros deste tipo. Así, o Domingo de Ramos pódese asistir á entrada triunfal en Xerusalén. O Xoves Santo represéntase a última cea de Xesús, a oración no Horto das Oliveiras, o prendemento e o Xuízo do Sanedrín no adro da igrexa. Durante o Venres Santo escenifícanse as derradeiras horas da vida de Xesús, co prendemento, o Vía Crucis, a Paixón, o Desencravo e o Santo Enterro. O Domingo de Pascua ponse o peche coa mostra da Resurrección de Xesús. 

A Semana Santa de Betanzos caracterízase por engadir á parte máis devota unha interesante programación musical. O VIII Ciclo de Música Sacra, celebrado este ano do 12 ao 14 de abril, abre o tempo de programación, acompañando ás principais procesións e cerimonias.

Tamén a Semana Santa de Lugo combina a relixiosidade propia das datas coa música sacra, nunha serie de actuacións previas aos días centrais. A singularidade das celebracións vén dada polo privilexio da exposición permanente do Santo Sacramento no altar maior da Catedral. Isto configura unha Semana Santa especial en toda España, xa que, desde o ano 1963, a procesión do Xoves Santo é a única no país en que a Sagrada Forma sae de procesión polas rúas da cidade. 

A tradicional Semana Santa de Mondoñedo remóntase no tempo ao século XVI, cunha experiencia máis sobria e contida, na que a emotividade dos desfiles se vive a través do recollemento. O Vía Crucis do Mércores Santo leva ata a Capela de San Brais do Mosteiro dos Picos. A catedral concentra algúns dos principais actos, como a celebración da Cea e da Paixón ou do Domingo de Resurrección. Nos días grandes, distintas procesións percorren as rúas da localidade.

Como punto de chegada dos Camiños de Santiago, a capital galega conta tamén cunha longa tradición espiritual e relixiosa que se exemplifica nun rico calendario para a Semana Santa. Os distintos actos percorren as rúas da cidade de forma continuada desde o venres de Paixón ou de Dores ata o Domingo de Resurrección, con saídas ou paradas nalgúns dos templos centrais da vila, como a igrexa de San Francisco, a de Santa María do Camiño, das Mercedarias ou a propia Catedral. A programación péchase o domingo 27, co traslado do Santísimo Cristo da Paciencia.

Diversificación 

Esta rica programación constitúe unha boa mostra non só do aporte do turismo cultural á comunidade, senón tamén da diversificación da oferta. Desde Turismo de Galicia promóvese a posta en valor de citas e celebracións en localidades e puntos xeográficos máis aló dos grandes núcleos co fin de revalorizar o rico patrimonio cultural, material e inmaterial que hai no territorio. 

 

Deja un comentario