A Semana Galega de Filosofía formula alternativas fronte unha “situación de desesperanza individual e colectiva”

Co nihilismo como eixe temático, na mañá deste luns botaba a andar no Teatro Principal de Pontevedra a XLI Semana Galega de Filosofía, un congreso promovido pola Aula Castelao de Filosofía, co apoio da Universidade de Vigo, o Concello de Pontevedra, a Deputación Provincial e a Xunta de Galicia. Un total de 15 conferencias, abertas ao público, integran o programa dunhas xornadas que se desenvolven entre este luns 21 e o venres 25 de abril e teñen como obxectivo “buscar alternativas” fronte á “situación de desánimo e desesperanza individual e social” que “impregna o mundo contemporáneo”, como salientou Alexandre Cendón, presidente da Aula Castelao.

O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e a vicerreitora do campus de Pontevedra, Eva María Lantarón, participaron xunto con Cendón na inauguración dun evento que engloba un conxunto de relatorios dirixidos a afondar nese “estado de ánimo” da sociedade contemporánea desde as perspectivas da filosofía política, a ética, a ontoloxía, a memoria, a psiquiatría ou a antropoloxía. Baixo o título de Filosofía e nihilismo, esta programación pon o foco, como sinalou Lantarón, nun “concepto que resoa profundamente na nosa sociedade, que se enfronta en ocasións ao desánimo caracterizado pola falta de valores e de horizonte”. Ao longo desta semana, “abordaranse estas inquedanzas, buscando ofrecer visións alternativas que axuden a confrontar e superar esta desesperanza”, engadiu Lantarón, que incidiu en que “para atopar solucións é fundamental definir os problemas aos que debemos enfrontarnos”. Nesta mesma liña, Fernández Lores subliñou que, lonxe de ser “unha reliquia académica, a filosofía é unha necesidade, hoxe máis que nunca, nun tempo no que todo semella moverse sen rumbo, as verdades son esquivas e os valores colectivos tremen”.

A vicerreitora lembrou tamén que a colaboración entre a Universidade de Vigo e a Aula Castelao de Filosofía mantense desde 1996, o que reflicte “o noso compromiso con achegar á filosofía á sociedade”. Esta colaboración, salientou, vai máis aló dun evento “con máis de 40 anos de traxectoria”, posto que Vicerreitoría e Aula Castelao traballan tamén na organización dunha xornada de pensamento e creación que terá lugar no mes de outubro.

“Alternativas para fuxir do nihilismo”

Como lembrou Cendón, a Semana Galega de Filosofía é “un congreso internacional de pensamento”, que neste 2025 busca reunir “diferentes alternativas para fuxir do nihilismo”, a través das achegas tanto de filósofos e filósofas, como de académicos e profesionais de aámbitos como a psiquiatría, a antropoloxía ou as artes. 

A programación desta XLI Semana Galega de Filosofía botou a andar este luns cunha conferencia do profesor da Universidade de Santiago de Compostela Luís García Soto, ao que toma ao relevo esta tarde o profesor de Filosofía da Universidade de Vigo Brais González Arribas, cun relatorio titulado Do entoar: unha ontoecoloxía relacional e nihilista. Esta primeira xornada pecharase cun relatorio da psiquiatra e investigadora Laura Martín López-Andrade, centrado na saúde mental.

A “medicalización do malestar”, a “deriva reaccionaria diante da incerteza”, a crise ecolóxica ou os “tecno-imperialismos” forman parte das cuestións a abordar ao longo desta semana, no marco dunha programación estruturada en tres bloques. Con cinco relatorios programados para as 10.30 horas, o bloque matinal reunirá diferentes académicos e académicas, mentres que o da tarde conecta, ás 17.00 horas, o eixe temático desta edición coa realidade de Galicia, pechándose cada xornada cunha conferencia ás 20.00 horas, de carácter máis divulgativo. Do mesmo xeito, co propósito de achegar as visións de “xente de lonxe, que botase luz sobre o noso presente desde ópticas afastadas do eurocentrismo”, salientou Cendón, este foro contará, entre outras, coas achegas do profesor da Universidad de Buenos Aires Nestor Kohan e da escritora mozambicana Paulina Chiziane, responsable de impartir o venres 25 a lección de clausura.