O espolio de xacementos arqueolóxicos tense convertido nun problema relevante para a conservación do patrimonio cultural, especialmente cando se conecta co tráfico ilícito dos bens espoliados. Dentro das causas máis comúns de espolio, o que se coñece como ‘de baixa intensidade’ está provocado polo uso irregular de aparatos detectores de metais e ten un impacto grave sobre o patrimonio arqueolóxico máis vulnerable.
Un recente estudo levado a cabo polo investigador de CRETUS Jaime Almansa Sánchez e Ignacio Rodríguez Temiño, da Junta de Andalucía, e publicado en International Journal of Cultural Property, analiza a experiencia do modelo español de loita contra o espolio arqueolóxico e conclúe que é a alternativa máis efectiva para a protección de espazos arqueolóxicos contra o uso non autorizado de detectores de metais.
A investigación pon en valor os máis de trinta anos de actuación en España, especialmente en Andalucía, nos que se conseguiu reducir a afección das accións furtivas resultado do uso de detectores de metais. “Isto cuestiona o modelo liberal que dominou a literatura científica e algunhas políticas públicas, especialmente no norte de Europa; un modelo máis permisivo cos detectores de metais, e que pon o acento sobre a declaración e rexistro dos bens atopados, deixando toda a responsabilidade nas persoas usuarias e fomentando o mercado de antigüidades”, explican os investigadores.
O artigo analiza a evolución do espolio no sur peninsular desde a introdución de detectores de metais, que supuxo un aumento considerable na afección a sitios arqueolóxicos, e como as modificacións normativas que se introducen desde os anos 80 do pasado século poñen o acento sobre a protección, limitando o uso de detectores de metais e perseguindo a quen espolian. Estas actuacións, que seguen tanto unha vía administrativa (uso non autorizado) como unha vía penal (cando se demostra afección ao patrimonio arqueolóxico) lograron diminuír drasticamente o impacto do espolio en España.
O traballo de investigación enmárcase na colaboración entre Némesis (Asociación para a investigación e defensa do patrimonio cultural contra o espolio e o tráfico ilícito) e o CRETUS da USC, que continuará profundando en medidas para mellorar a robustez da proba pericial en casos de espolio e tráfico ilícito a través de diferentes análises ás pezas incautadas en actuacións policiais.
“Nun momento en que as críticas ao modelo liberal son cada vez máis patentes e as solucións ofrecidas para a loita contra o espolio e o tráfico ilícito son meramente responsivas, esta liña de investigación busca situar as nosas institucións como referente nesta materia con solucións preventivas e punitivas”, conclúen os autores.