A responsable do pioneiro Programa Woman Emprende da USC, Eva López Barrio, recolleu este venres no Hotel Monumento San Francisco de Santiago o premio que lle concedeu Empresarias de Galicia na categoría Impacto Social. López leva dende 2006 pilotando ese proxecto de asesoramento e acompañamento a iniciativas empresariais lideradas por mulleres. Deste xeito, Empresarias de Galicia quere recoñecer a súa implicación e compromiso co emprendemento de mulleres a través de Woman Emprende, pero tamén da posta en marcha de Innovatia 8.3 que ela mesma impulsou en 2011 e da que é coordinadora.
Xunto a Eva López, técnica da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC, foron tamén premiadas este ano Sara Rodríguez, Elena Vitoria, Emma Lustres e Marián Mouriño. A cerimonia de entrega dos galardóns contou coa presenza do reitor da USC, Antonio López; a alcaldesa da cidade, Goretti Sanmartín; o presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, e o delegado do Goberno en Galicia, Pedro Blanco, entre outras autoridades.
No seu discurso, a técnica de transferencia da USC puxo en valor o papel das universidades públicas no ámbito do emprendemento, e sinalou a compostelá como exemplo de universidade emprendedora, “cunha longa traxectoria e un demostrado impacto social positivo en todas as áreas de coñecemento”.
Eva López
Licenciada en Ciencias Económicas pola Universidade de Santiago de Compostela e mestrado en Dirección e Xestión de Comercio Exterior, desde 2006 é responsable de Woman Emprende. Desde o ano 2011 coordina o Proxecto Innovatia 8.3 do Instituto de las Mujeres, que ten como obxectivo o desenvolvemento dunha metodoloxía de creación de spin-off universitarias femininas dirixida ao persoal de apoio ao emprendemento nas Oficinas de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI) de universidades e centros de investigación de España. Esta ferramenta incorpora a perspectiva de xénero en todas las fases de axuda á creación de empresas universitarias..
Eva López pertence á Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas de España e é presidenta de Alumni Universidade de Santiago de Compostela, a Asociación de Antigo Alumnado, Amigas e Amigos da USC.
