A rehabilitación dos cascos históricos abre as Xornadas de Nova Investigación que o Idega impulsa no Campus de Lugo

Lugo

‘Recuperación e Sustentabilidade: a rehabilitación de Cascos Históricos como piar de desenvolvemento urbano’ é o título do relatorio co que Nerea M. Otero Vale abre este mércores 12, as Xornadas de Nova Investigación que o Instituto de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA) desenvolve ao longo dos meses de marzo, abril e maio na Facultade de Humanidades do Campus de Lugo da USC. O relatorio poderá seguirse en liña a través de Teams e dará comezo ás 16.30 horas. 

Graduada en Xeografía e Ordenación do Territorio e cun mestrado en Planificación e Xestión Territorial, Otero Vale analizará a importancia da recuperación do patrimonio arquitectónico e urbanístico como elemento clave para un crecemento sostible e equilibrado das cidades, combinando o respecto pola historia coa mellora da calidade de vida da cidadanía. O director do Idega e catedrático da USC, Rubén Camilo Lois González, pertencente ao grupo en Análise Territorial (ANTE), é o director-titor desta investigación. 

Esta primeira sesión, explican dende o IDEGA, promete ser “unha excelente oportunidade para coñecer de primeira man a investigación en curso sobre rehabilitación urbana, así como para reflexionar sobre os retos e oportunidades que supón a posta en valor dos cascos históricos dentro do modelo de desenvolvemento territorial”. 

Próximos encontros

As Xornadas continuarán o 26 de marzo co relatorio de Antonella Maneli sobre ‘Os procesos de integración-exclusión social das persoas migrantes en Galicia: O rol das ONG’. Tamén integrarán o programa Ana Margarida Cruz da Silva con ‘A riqueza e o valor cultural da Serra da Estrela de Portugal’ (23 de abril), Sandra Coelho con ‘Valorización do carácter da Agricultura Familiar e o papel dos seus actores como determinantes do Desenvolvemento Rural en territorios de montaña’ (30 de abril), e Javier Vera López con ‘Red de valor del Árbol Ramon (brosimum alicastrum swartz) en México’ (7 de maio). Todas as sesións terán lugar na Facultade de Humanidades, ás 16.30 horas.