Logo de examinar tres áreas mariñas protexidas españolas, un equipo de especialistas das universidades públicas galegas, as de Almería e Cádiz e a Xunta de Galicia concluíu que o nivel de protección, a proximidade ás poboacións e a estrutura de gobernanza, con especial énfase na participación de pescadores e outros colectivos, son factores clave que determinan os beneficios económicos, medioambientais e sociais que se obteñen dos ecosistemas mariños, o que en conxunto se denomina provisión de Servizos dos Ecosistemas Mariños (SEM).
O estudo no que se recollen as conclusións publicouno a revista ‘Ecology and Society’ e forma parte do proxecto Ecoser coordinado polo profesor Sebastián Villasante da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC e investigador do CRETUS, e foi financiado pola Fundación Biodiversidad. As tres áreas estudadas foron o Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, con alta presión turística e enfocada na protección da biodiversidade; a Reserva Mariña de Interese Pesqueiro de Os Miñarzos (Galicia), xestionada coa participación de pescadores locais, e o Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar (Andalucía), área de gran tamaño con múltiples usos concorrentes.
Participación comunitaria
Entre os resultados para o conxunto das tres áreas, o equipo investigador salienta a participación comunitaria como moi proveitosa, pois a implicación das comunidades locais na xestión das áreas mariñas protexidas mellora significativamente a provisión de SEM e o benestar humano. Ademais, as áreas ben xestionadas poden aumentar a produtividade pesqueira, protexer especies clave e fomentar o turismo sostible.
A investigación tamén conclúe que o éxito destas áreas depende dun enfoque equilibrado que combine conservación e uso sostible, evitando conflitos entre intereses diversos. Neste sentido, o nivel de protección determina significativamente a natureza dos servizos que unha área proporciona e os derivados para o benestar humano. A proximidade a centros de poboación e destinos turísticos, así como a estrutura de gobernanza, son factores importantes para comprender a dinámica dos SEM e os conflitos entre as persoas usuarias e as partes interesadas nas zonas protexidas. De feito, o sistema de coxestión empregado na reserva dos Miñarzos e a baixa concorrencia de diferentes usos poden contribuír a reducir os conflitos en comparación coas outras dúas áreas.
As tres áreas
Para o caso do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, o artigo sinala que a súa designación como Parque Nacional favoreceu a protección de hábitats críticos, beneficiando tanto especies mariñas como actividades recreativas. Con todo, aínda que o turismo xera ingresos significativos, a súa alta presión require estratexias estritas de regulación para evitar impactos negativos nos ecosistemas. Como desafíos están compatibilizar a conservación co uso turístico e garantir a participación dos pescadores na toma de decisións.
Na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro dos Miñarzos: a participación dos pescadores locais nas decisións de xestión resultou en beneficios directos, como o aumento de capturas de especies clave; ademais, a colaboración fortaleceu a confianza entre pescadores e xestores, promovendo prácticas sostibles. O desafío para manter este modelo é que require recursos continuos para garantir a vixilancia e o cumprimento das normativas.
No Parque Natural de Cabo de Gata-Níjar, a área mariña combina actividades pesqueiras, agrícolas e turísticas, o que engade complexidade á súa xestión, pero as medidas de conservación melloraron a calidade da auga e permitiron un crecemento no turismo de natureza, xerando emprego local. O tamaño da área e a variedade de actividades esixen unha coordinación efectiva entre distintos actores e unha vixilancia constante.
Recomendacións
Nas súas conclusións, o artigo recomenda fortalecer a implicación activa das comunidades, especialmente dos pescadores, para o éxito das áreas mariñas protexidas; ve esencial informar os colectivos implicados sobre os beneficios e as normas de xestión para fomentar o seu cumprimento e constata a necesidade de asegurar recursos estables, pois a vixilancia e a xestión requiren financiamento e apoio institucional a longo prazo.