O Barco de Valdeorras (Ourense), 9 de maio de 2025
A 14 edición da Primavera de Portas Abertas visita na súa segunda fin de semana a comarca de Valdeorras, con preto dunha vintena de actividades a través das que achegar a cultura vitivinícola da rexión ás persoas interesadas en vivir esta experiencia. Visitas gratuítas ás adegas, catas, percorridos e rutas polos recursos patrimoniais e naturais da zona, como o castelo do Bolo ou o parque natural Serra Enciña da Lastra, marcan o calendario nas tres xornadas durante as que se desenvolverá a iniciativa.
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, estivo presente no acto de inauguración das xornadas, celebrado no Hotel Pazo do Castro. Merelles lembrou “a relevancia deste tipo de iniciativas na desestacionalización da oferta turística, de cara a captar visitantes en épocas distintas ás de maior afluencia”. Especialmente, sinalou, a través de produtos deseñados especificamente para ampliar o abano de experiencias, como é o caso da Primavera de Portas Abertas, entre outras.
Neste sentido, destacou a importancia do turismo enolóxico, centrado arredor da importante cultura vitivinícola da comunidade, tal e como queda recollido na Estratexia de Turismo de Galicia 2030, a folla de ruta da Axencia para os próximos anos. Outro dos documentos guía do traballo do departamento neste campo é o Plan territorial de sostibilidade turística de enogastronomía de Galicia 2023-2025, dotado con 34,5M€. O Plan contempla 11 Plans de Sustentabilidade Turística en Destino, centrados en áreas específicas; por exemplo, relacionado coa propia comarca, Merelles citou “o PSTD Valdeorras, Ruta do Viño Milenaria, para o que se destinaron 1,5M€”.
Programa
Nesta segunda fin de semana da Primavera de Portas Abertas colaboran 12 adegas, 8 aloxamentos e tres empresas de restauración, que están implicadas nas 18 actividades previstas. Entre as distintas accións figuran, un ano máis, os Buses do viño, con orixe en Ponferrada, Ourense, A Coruña, Santiago, Vigo e Pontevedra, que durante o sábado e o domingo ofrecerán un total de oito traxectos por adegas e recursos turísticos de interese.
Valdeorras é a segunda das Rutas do Viño que visita a Primavera de Portas Abertas, tras dunha exitosa primeira fin de semana en Monterrei. As próximas denominacións de orixe en acoller a cita serán a de Rías Baixas, do 16 ao 18 de maio; a Ribeira Sacra, entre o 23 e o 25; e O Ribeiro, que pechará esta nova edición o 30 e 31 de maio e 1 de xuño. 92 establecementos participan este ano na iniciativa, dos que 62 son adegas, 21 de tipo aloxamento e nove empresas de restauración. En total, nas 13 edicións previas, 1.323 establecementos participaron ata 2024.