A perspectiva de xénero na divulgación científica centra a cuarta edición de ‘Ultravioletas’

A asociación de estudantes Luzada organiza a cuarta edición de ‘Ultravioletas’, no marco do 11 de febreiro Día da Muller e a Nena na Ciencia. O evento, ás 19.15 no iMATUS, céntrase nesta ocasión na divulgación científica con perspectiva de xénero, para o que contan con varias divulgadoras con dilatada experiencia neste campo.

O programa comeza coa charla ‘Divulgación científica con perspectiva de xénero. Monologuista remata en A’ a cargo da doutora en Veterinaria, docente de FP e divulgadora Eva Cabanelas Dopazo, que destacará referentes de dentro e fóra de Galicia e compartirá a súa experiencia persoal no mundo do monólogo científico.

A continuación desenvolverase unha mesa redonda na que se explorarán diversos aspectos relacionados coa divulgación científica desde unha perspectiva de xénero. Nela contarase coa experiencia e a visión do papel da muller na comunicación da ciencia da propia Eva Cabanelas, promotora xunto con Andrea Muras do proxecto Ciencia Calidade, da técnica superior no Cesga Mariamo Mussa Juane e da investigadora posdoutoral no iMATUS María Jesús García Guimarey, ambas as dúas últimas integrantes da iniciativa da USC ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’.