Santiago de Compostela
Dende o ano 1985 e coincidindo co solsticio de verán, o sábado 21 de xuño celébrase o Día Europeo da Música. A filosofía desta celebración é a de facer que a música sexa interpretada por persoas afeccionadas en lugares non habituais e saia así ás rúas para que todo o mundo participe da festa, á vez que intérpretes profesionais, orquestras e compañías de música e danza tamén o fagan con concertos e funcións de balde.
Con esta filosofía coinciden a Orquestra e Coro da Universidade de Santiago de Compostela, que dende o ano 2010 é concibida como un lugar onde mozos e mozas e a cidadanía en xeral poidan dar cabida a esta faceta artística e prosperar nun lugar onde a música se converte se cabe máis aínda en universal. Deste xeito, por vez primeira co Coro da Universidade e da man do Programa de Visitas Guiadas da USC, a Orquestra universitaria celebrará o Día da Música en diversos lugares emblemáticos e históricos da cidade.
A actuación comezará para todos os públicos ás 12.00 horas na Praza do Obradoiro, onde a formación universitaria interpretará varias pezas dende os balcóns do Colexio de San Xerome. De aí irán ao Claustro do Colexio de Fonseca (ás 12.30 horas) para rematar, ás 13.00 horas, no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Para asistir a estas dúas últimas actuacións é preciso facelo a través das Visitas Guiadas da USC, na Tenda da Universidade (entrada do Colexio de Fonseca).
Orquestra e Coro da USC
Xa entrado no seu décimo cuarto ano dende a súa creación, a Orquestra e Coro da Universidade está formada por máis de 60 mozos e mozas na parte instrumental e unhas 30 voces na parte coral, que participan de facer música nun proxecto educativo con catro programas principais por cada tempada ademais doutros moitos coma este en particular, con concertos tanto en Santiago de Compostela así como noutros lugares da xeografía galega e portuguesa.
Día Europeo da Música
Un 21 de xuño de 1982 celébrase en París, por primeira vez e oficialmente, un día dedicado á música -chamado en orixe ‘festa da música’-, unha iniciativa adoptada polo ministro de Cultura francés, Jack Lang, sobre a idea orixinal do músico Joel Cohen en 1976, que quería homenaxear a música facéndoa accesible para todos os públicos.
Tres anos máis tarde, ese mesmo día é declarado oficialmente Día Europeo da Música, no que varios países europeos acollen a iniciativa como un evento global. Co tempo, mesmo en América e outros continentes varios países sumáronse a esta celebración sendo hoxe xa celebrado en máis de 120 estados.
