A Oficina de Igualdade de Xénero da USC mantén aberto dende este luns 17 ata o xoves 20 o prazo de inscrición no curso de formación específica ‘Microcredencial Universitaria en saúde relacional: vínculos e prácticas amorosas e sexuais’, que pretende ser un espazo de reflexión colectiva para adquirir ferramentas para o desenvolvemento dun pensamento crítico que reforce a adquisición de competencias para a toma de decisións conscientes, baseadas na voluntariedade e o desexo.
Analizar as ideas preconcibidas para transformalas, apoderar á mocidade para liberala de posibles restricións asociadas a calquera categoría social ou corporal, educar na busca da liberdade á vez que potenciar o sentimento de interdependencia e unha actitude coidadosa coas outras persoas, contribuír ao desenvolvemento de competencias afectivas chave para a saúde relacional e previr as violencias sexuais así como posibles condutas de risco son os principais obxectivos deste curso.
O curso impartirase, en 5 sesións de 3 horas de duración cada unha os días 2, 9, 22, 23 e 29 de abril, na Facultade de Ciencias da Educación do Campus Sur. Nesas sesións levaranse a cabo actividades e dinámicas moi diversas de expresión verbal e non verbal, xogo grupal, análise de obxectos e prácticas culturais ou debates.
Impartirán o curso Aixa Permuy e Enrique Latorre, docentes e membros do CIFEX, e Lorena Boquete, psicóloga, sexóloga e técnica en promoción de igualdade que traballa actualmente no Programa “Dedaleira” da Asociación ACADAR, en colaboración coa Xunta de Galicia e co apoio de COGAMI.