A nova xeración de centros de investigación interuniversitarios de Galicia reivindica o valor engadido do seu enfoque multidisciplinar

Baixo o título ‘Ciencia e conciencia no século XXI’, máis de medio centenar de investigadoras e investigadores déronse cita este xoves no Gaiás nas I Xornadas de Centros de Investigación Interuniversitarios de Galicia, primeiro encontro aglutinador de talento investigador das tres universidades galegas organizado polo Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), Economics and Business Administration for Society (ECOBAS) e o Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC).

Con esta iniciativa pretenden presentar o novo camiño de co creación que están a construír estes tres centros de investigación de nova xeración, poñendo en valor o gran potencial que pode ofrecer á sociedade a tarefa investigadora dende unha perspectiva científica multi e interdisciplinar. Trátase de trazar estratexias comúns de cooperación e liñas de traballo colaborativas entre o persoal dos tres centros, compartindo as preocupacións que están a abordar dende as súas respectivas axendas científicas.

Así o manifestaron en nome das respectivas direccións científicas Rosa Crujeiras, María Loureiro e Lourenzo Fernández, durante o acto de apertura presidido polo reitor da USC, Antonio López, quen salientou o que “é xa un modelo de éxito, xurdido da voluntariedade”. Cumprida a etapa de asentamento dos tres centros, nacidos en decembro de 2021-, agora “debemos abordar problemas adxacentes e complementarios fundamentais para que este modelo siga avanzando”, recoñeceu López, en referencia á complexidade que supón a xestión eficiente de capital humano investigador das tres universidades públicas de Galicia.

Así, máis aló dos ambiciosos obxectivos en termos de produción científica e transferencia á sociedade, os responsables do CITMAga, ECOBAS e do CISPAC coincidiron na necesidade de buscar solucións e artellar fórmulas eficientes de administración interuniversitaria, xestión e obtención de financiamento para a consolidación e avance do seu modelo.

En relación á especialización do CITMAga e as capacidades do seu equipo, a súa directora científica, Rosa Crujeiras, quixo remarcar a súa aposta por unha “axenda científica integradora” e o esforzo do CITMAga por completar a tarefa de investigación fundamental coa orientada, potenciando o labor de transferencia do seu centro para “impactar no tecido económico e social”.

Pola súa banda, a directora científica de ECOBAS, María Loureiro, amosouse “orgullosa do equipo humano” que conforma o centro a día de hoxe, que afronta esta nova etapa co “pulmón” que significa para eles a obtención da acreditación como centro colaborativo da rede de excelencia CIGUS da Xunta de Galicia para o periodo 2024-2027.

Pechando a rolda de presentacion, o director do CISPAC -anfitrión deste primeiro encontro dos centros interuniversitarios-, Lourenzo Fernández, compartiu cos presentes o valor de futuro que representa o seu centro para trazar os camiños “que podemos e debemos percorrer para preservar e poñer en valor o noso patrimonio natural, económico, social e cultural na lóxica da sustentabilidade”.

Ética e ciencia de acceso aberto
O encontro contou coa participación de persoal experto de primeiro nivel para tratar aspectos de importancia crecente na produción científica actual. Así, co obxectivo de afondar na perspectiva de democratización da ciencia que están a promover os distintos estamentos públicos, a xefa da unidade de Ciencia Aberta da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología (FECYT), Pilar Rico, impartiu a conferencia ‘Ciencia aberta: o coñecemento como un ben público’. Falou dos problemas que está a padecer o modelo de negocio editorial que hai detrás das publicacións científicas, que adolece de deficiencias estreitamente ligadas a unhas “prácticas comerciais abusivas”, o que explica que “calidade e indexación non sexan sinónimos”.

“A capacidade da investigación para cambiar o mundo hoxe está máis baseada na capacidade de xestionar datos que na capacidade de xestionar literatura”, afirmou Caro. Neste sentido, o concepto de ciencia aberta promovido pola Comisión Europea, aboga por despregar un novo paradigma baseado en novas formas de medir o mérito investigador conducentes a garantir os resultados da investigación e a preservar o seu carácter de “ben público”, con énfase na transparencia e co reto do desenvolvemento dun sistema de gobernanza pública.

Límites, ética e necesidades sociais da investigación
“Vivimos un contexto de policrise onde quizais o máis difícil de todo sexa definir o problema”. A este nivel de complexidade situou o debate neste foro o ex ministro de Universidades e Catedrático de Ciencia Política Joan Subirats, quen apuntou a un desaproveitamento do coñecemento xenerado no eido científico por parte dos responsables políticos. Subirats apelou á autocrítica de ambas partes, ás que se referiu abertamente, para abordar e “superar a fenda que existe entre saber e facer”. Subirats compartiu cos presentes a súa reflexión sobre valores que sustentan a actividade científica, o enfoque do traballo do persoal investigador e o valor social da ciencia e a súa “significación no territorio”.

IA, transición enerxética ou inequidade
Organizadas en tres grupos de traballo, as reunións científicas da tarde estrutúranse en sesións paralelas para abordar o ámbito tecnolóxico, o ambiental e o social, co obxectivo de definir unha axenda de temáticas de investigación comúns aos tres centros interuniversitarios para a xeración de sinerxías e o aproveitamento conxunto das diversas capacidades que cada un ofrece.

Dende a intelixencia artificial como gran desafío que xurde do desenvolvemento tecnolóxico ata a crise ambiental e a transición ecolóxica ou a desigualdade, pasando polas migracións ou os populismos. O persoal investigador identificará a complementariedade das distintas disciplinas científicas implicadas e a converxencia das preocupacións que comparten. 

Público asistente á xornada. Foto: Santi Alvite
Público asistente á xornada. Foto: Santi Alvite