A nova sede do IGFAE, un espazo para impulsar Galicia como referencia na física do século XXI

Santiago de Compostela

O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE), centro mixto da USC e a Xunta de Galicia, inaugurou este mércores a súa nova sede, coa que o centro pretende reforzar a súa xa destacada participación nos experimentos máis punteiros do mundo no ámbito da física. As instalacións, cunha superficie de máis de 5.000 m2, son froito dun investimento de máis de cinco millóns de euros por parte da Xunta de Galicia, cos que se acometeu a renovación e ampliación das dependencias situadas nas plantas baixas do edificio do Monte da Condesa, no Campus Sur de Santiago de Compostela.

No acto, o reitor Antonio López lembrou o papel desenvolvido por Carlos Pajares ao actuar “como un visionario que apostou pola proxección internacional da nosa investigación” e situou este instituto como o primeiro dun novo modelo que abriu o camiño dos  centros singulares que viñeron despois. Para o reitor, o IGFAE é un centro implicado nos proxectos de máis relevancia do seu ámbito no plano internacional “sen esquecer a transferencia dos seus resultados á sociedade para a mellora das condicións de vida”. “Comeza unha nova etapa cunha nova infraestrutura, aínda que o máis importante segue a ser o seu talento e os recursos humanos”, sentenciou.

Pola súa banda, o director do IGFAE, Carlos Salgado, que destacou a importancia de dispoñer dun espazo acorde á traxectoria e ao potencial científico do instituto, definiu este acto como “fito histórico da ciencia en Galicia” que permitirá dar respostas aos novos desafíos científicos ao “permitir abordar proxectos ambiciosos”.

Para a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, o IGFAE e a súa vocación de ser centro punteiro encarna tamén “unha vontade de ser vangarda, de rachar fronteiras sen renunciar ao que somos”. Esta dotación permite “construir cultura cientifica arraigada aquí; porque dende aquí se pode facer investigación do máximo nivel”.

En termos similares se pronunciou o presidente da Xunta, Alfonso Rueda, logo de agradecer a aqueles que iniciaron o camiño, manifestando o seu compromiso de “seguir con esta aposta porque é intelixente”. “Hai que tentar facer xurdir o talento, retelo e recuperar o que marchou. Temos que ser unha terra con institucións apetecibles para desenvolver unha carreira investigadora”, dixo.

Grandes retos da física nas próximas décadas
Tal e como salientou Carlos Salgado na súa intervención, a comunidade científica internacional no ámbito da física afronta anos de grandes cambios. Así, tomaranse decisións clave sobre os grandes proxectos da década de 2040 como o próximo acelerador do CERN (Organización Europea para a Investigación Nuclear) ou a construción do Einstein Telescope para o estudo das ondas gravitacionais. Do mesmo xeito, a ciencia e a tecnoloxía cuánticas estanse a converter nunha liña estratéxica da investigación en numerosos países, tamén en Galicia, da man de institucións como o Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o propio IGFAE.

Neste contexto, o persoal do IGFAE ocupa actualmente posicións de liderado en grandes colaboracións internacionais, como o experimento LHCb do CERN ou a colaboración LIGO. Grazas ás capacidades e tecnoloxías que permitirá desenvolver a nova sede, “o centro galego estará en mellor disposición de dar un salto cualitativo na súa visibilidade nestes e outros proxectos de nivel global”, apuntou Salgado.

Así, a partir de agora o IGFAE contará con sete laboratorios para diferentes tecnoloxías, incluíndo unha sala limpa de 120 m2, un espazo no que se proxecta a instalación dun simulador cuántico no marco dunha alianza co CESGA, un taller de micromecanizado, un de metroloxía e outro de desenvolvemento de escintiladores. 
Desde a súa primeira acreditación como Unidade de Excelencia María de Maeztu (foi o primeiro centro de investigación galego en conseguilo) en 2017, o IGFAE duplicou o seu cadro de persoal, pasando de arredor de 70 a uns 140 integrantes na actualidade. As novas dependencias están enfocadas cara a esta nova realidade, ademais de fomentar as visitas e estadías de perdoal doutros países, en diferentes etapas da súa carreira, para reforzar as vías de colaboración en diversos proxectos.

Alén da perspectiva científica, o edificio foi deseñado para favorecer a comunicación entre os membros do IGFAE, e para acoller accións que impulsen a proxección do centro cara a sociedade, desde a contorna máis inmediata ata o ámbito internacional.

Sobre o IGFAE
O Instituto Galego de Física de Altas Enerxías (IGFAE) naceu no ano 1999, co obxectivo de coordinar e fomentar a investigación científica e técnica no ámbito da física de partículas, astropartículas e nuclear, así como en campos relacionados como a física médica e a instrumentación.

Desde a súa creación, un dos seus puntos fortes foi a aposta pola internacionalización, integrándose en grandes instalacións experimentais de ámbito mundial e construíndo equipos de investigación que hoxe son unha referencia nos eidos teórico e experimental. Na actualidade, preto do 25% do persoal do centro procede doutros países, e un 93% das publicacións científicas teñen coautoría internacional.

No ano 2017, o IGFAE foi recoñecido como Unidade María de Maeztu, a acreditación máis prestixiosa e competitiva outorgada pola Axencia Estatal de Investigación. No ano 2024 o IGFAE renovou esta acreditación, sendo o único centro galego con dúas destas distincións. Ademais, forma parte da rede de centros CIGUS da Xunta de Galicia desde o ano 2019, o que acredita a calidade e impacto da súa investigación.

Na última década, o persoal do Instituto destaca polo seu éxito en convocatorias internacionais, como os proxectos de excelencia do Consello Europeo de Investigación (ERC) ou as bolsas Marie Curie da Comisión Europea. O IGFAE tamén se viu recoñecido en 2017 e 2025 cos premios Breakthrough, coñecidos como os ‘Oscar da Ciencia’, polos avances acadados no marco das colaboracións LIGO e LHCb-CERN.
 

Carlos Salgado explica ás autoridades un proxecto que alberga op IGFAE. Foto: Santi Alvite
Carlos Salgado explica ás autoridades un proxecto que alberga op IGFAE. Foto: Santi Alvite

O reitor e o presidente da Xunta, xunto co resto de autoridades, atenden as explicacións dun investigador do centro. Foto: Santi Alvite
O reitor e o presidente da Xunta, xunto co resto de autoridades, atenden as explicacións dun investigador do centro. Foto: Santi Alvite