Santiago de Compostela
A Facultade de Relacións Laborais celebrou este 25 de abril o Día do Traballo nun acto presidido polo reitor Antonio López e no que tamén interveu o decano do centro, Jesús F. Salgado Velo, e acompañou o profesor da USC Javier Gárate Castro. A conmemoración da festividade do centro contou nesta ocasión cunha conferencia do ex presidente do Tribunal Constitucional e catedrático de Dereito do Traballo e da Seguridade Social da Universidade Complutense, Francisco Pérez de los Cobos, titulada O recurso de amparo: luces e sombras.
A Facultade de Relacións Laborais da USC atópase nestes momentos imbuída no proceso de renovación do seu plan de estudos, que para o seu decano é “un fito importante por canto suporá a implantación de novas materias e contidos para moitos anos”. No seu discurso, quixo poñer de manifesto a relevancia deste centro no marco universitario galego, “cunha demanda moi superior á que existe nas outras universidades”.
O decano puxo tamén énfase no labor investigador que se fai no centro. “En investigación a nosa Facultade é un referente nacional, non en van somos a universidade coordinadora do único programa de doutoramento en Relacións Laborais e Recursos Humanos existente en España”.
Entrega de premios
Ademais da conferencia, nese acto faise sempre entrega dos correspondentes galardóns aos premios que anualmente concede a Facultade. Neste caso, o premio Profesor Javier Marañón recaeu en Javier Carballo de Jesús por representar os valores sociais e académicos da Facultade e da profesión. Este premio concédeo o Colexio de Graduados e Graduadas Sociais de A Coruña e Ourense e ten unha dotación de 600 euros e a colexiación gratuíta durante un ano.
Ademais, o Premio Elisabeth Suárez ao mellor expediente académico do curso 2023/24 foi para María Otero Canabal; e os Profesor Joaquín Vidal Portabales aos mellores Traballos Fin de Grao foron para Uxía Molanés Fariña (1º premio) por ‘A enfermidade como causa de discriminación nas relacións laborais’ e María Otero Canabal (2º premio) por ‘A relación laboral do servizo do fogar familiar: unha análise xurídica dende a perspectiva da prevención de riscos laborais’.
Pola súa banda, o pasado curso o equipo decanal creou os premios á Excelencia Académica do Profesorado como xeito de recoñecer o seu compromiso coa docencia e a implicación coa Facultade. Outórganse a partir das avaliacións do estudantado da satisfacción coa docencia.
Así, Alexandra Martínez Gómez recolleu o premio á excelencia académica do Profesorado que a recoñece como Profesora do Ano no Grao en Relacións Laborais e Recursos Humanos. O Premio á Excelencia Académica en materias de psicoloxía, socioloxía e técnicas de investigación social foi para Luz I. Leirós Lobeiras; para Alejandro Tobar Quintanar nas materias de economía, organización de empresas e informática aplicada; para Silvia Fernández Martínez en disciplinas xurídicas e historia das relacións laborais; para Mario A. Lado Campelo no Mestrado en Xestión e Dirección Laboral e para Inmaculada Otero Moral no mestrado en Psicoloxía do Traballo e as Organizacións e Psicoloxía Xurídica-Forense (especialidade en Psicoloxía do traballo).
