A Universidade de Santiago de Compostela leva a Portugal a súa exposición Cantantes Líricas Galegas dos séculos XIX e XX, concretamente á Casa de Galicia de Lisboa entre os días 10 de abril e 18 de maio. Esta nova iniciativa para pór en valor e difundir o legado das cantantes galegas de ópera e zarzuela, que se puido visitar en Fonseca o pasado outono, marcha agora á capital lusa como actividade paralela ao Coloquio Internacional Cruzamentos Galicia-Portugal: redes migratorias e culturais que coorganiza a USC na Universidade Nova de Lisboa os días 10 e 11 de abril.
Nesa xornada científica, os comisarios da mostra exporán os seus traballos ‘Mirando aos dous lados do Atlántico: cantatrices líricas galegas dos séculos XIX e XX en Portugal e América’, de Javier Garbayo, e ‘Fronteiras musicais desdibuxadas: as xiras das compañías líricas entre Galicia e o norte de Portugal na segunda metade do século XIX’, de M. C. Lorenzo.
Para esta ocasión a exposición adáptase ao contexto do coloquio cun novo panel titulado Voces da morriña, dedicado ás cantantes galegas que actuaron en América do Sur e centroamerica, onde habia comunidades galegas, con nova documentación relativa á súa relación con Portugal e Brasil en, en xeral, América. Editouse tamén un folleto explicativo que recolle a galería de retratos das nosas grandes cantantes líricas e que será distribuido entre as persoas visitantes.
Esta nova exhibición da mostra é posible grazas ao patrocinio e apoio da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia e a Casa de Galicia de Lisboa.