Santiago de Compostela, 7 de febreiro de 2025
O director xeral de Relacións Exteriores e coa Unión Europea, Jesús Gamallo, volveu comparecer tras presentar o pasado mes de outubro a Estratexia Galega de Acción Exterior 2025-2029 na Comisión 1ª, Institucional, de Administración Xeral, Xustiza e Interior, desta volta coa intención de requirir o parecer definitivo do Parlamento de Galicia.
Tras facer un balance sobre a anterior Estratexia, o director xeral informou sobre as liñas xerais da EGAEX 25 29, da que salientou unha incidencia maior sobre a cuestión económica. Jesús Gamallo transmitiu que o actual contexto internacional “moi volátil“esixe a busca de novos mercados para a exportación e o investimento exterior directo.
Por outra parte, salientou o cambio na contorna europea como resultado da Guerra de Ucraína, que previsiblemente tornará nunha maior integración territorial e que supuxo o desenvolvemento de ferramentas para o control da inflación a nivel da unión e globalmente. Por último, incidiu na especial importancia que ten para Galicia e as oportunidades que supón unha aproximación real aos países pertencentes á Lusofonía.
O representante da Xunta tamén salientou o reto demográfico como eixo transversal ao texto e a necesidade de que Galicia prosiga coas exitosas políticas para a atracción de xente nova que se radique na nosa terra; a través das Universidades, da Formación Profesional, a atracción do talento investigador ou de novos investidores, especialmente nas áreas máis despoboadas da nosa rexión.
Trala rolda de posicionamento de cada grupo parlamentario Jesús Gamallo contestou as cuestións propostas polos deputados, para que acto seguido os parlamentarios presentaron no Rexistro da Cámara as correspondentes propostas de resolución. Finalmente a Comisión emitiu o seu parecer sen ningún voto en contra, polo que a Estratexia será presentada a Consello da Xunta proximamente para a súa aprobación definitiva.