Lugo
A catedrática do departamento de Produción Vexetal e Proxectos de Enxeñaría da USC, María Rosa Mosquera Losada, é a coordinadora do grupo de traballo sobre cultivos da Alianza Global para a Investigación sobre Gases de Efecto Invernadoiro en Agricultura (GRA). Este é o motivo polo que participou en Dublín, xunto a representantes de 68 países, ademais da Comisión Europea e do Ecosistema de innovación para o sector agroalimentario en América Latina e o Caribe (FONTAGRO), nunha xuntanza sobre os desafíos que formula o cambio climático. Boa proba dos retos futuros que as mudanzas no clima están a provocar, “é o colapso que durante eses días sepultou unha poboación en Suíza que puxo de manifesto a necesidade de investigación neste campo”, destacou a profesora Mosquera. Na reunión, a catedrática da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) puxo o foco na necesidade de abordar a capacidade de secuestro de carbono no solo, aspecto no que a USC lidera o proxecto europeo SUS-SOIL que versa sobre o secuestro de carbono en función do uso do territorio.
SUS-SOIL posibilitará, cun orzamento de 7 millóns de euros, a análise da saúde dos solos desde diversas perspectivas: física, química, ou biolóxica, entre outras, ao tempo que servirá para ampliar información e coñecemento sobre a existencia de residuos que poidan resultar nocivos para o medio ambiente e incluso tóxicos, tal e como pode suceder naqueles casos nos que se advirta unha elevada concentración de antibióticos. Outro dos ámbitos de acción deste proxecto afecta a avaliación de prácticas de xestión agroecolóxica que se desenvolven nos distintos territorios, a fin de validar o seu grao de éxito ou, de ser o caso, propoñer alternativas para a súa mellora. A determinación da capacidade dos solos obxecto de estudo para absorber carbono é outra das liñas de traballo contempladas nesta iniciativa de I+D incluída no programa Horizonte Europa. Esta dimensión, precisou a catedrática, “presenta un especial interese para Galicia, dadas as características singulares que presentan os solos da comunidade galega”.
Ferramentas como o pastoreo, a agroecoloxía e a agroforestería tamén foron postos de manifesto polo equipo español e apoiado por todos os países alí presentes. Ao evento asistiu o ministro delegado Irlandés de Agricultura, Noel Grealish, que puxo de manifesto a importancia da estratexia desenvolvida no marco da GRA para Irlanda. A delegación española, completárona José Luis Alonso Prados Vicedirector Técnico do Instituto Nacional de Investigación e Tecnoloxía Agraria e Alimentaria (INIA-CSIC) e María Luisa Tello, como xefa de área da dirección técnica do INIA-CSIC.
