A Domus do Mitreo conmemora o Día dos Museos xa convertida en integrante da Rede Museística de Galicia

O Museo Universitario A Domus do Mitreo súmase neste 2025 á conmemoración do Día Internacional dos Museos, que ten lugar cada 18 de maio, convertido xa en centro incluído na Rede Museística de Galicia. O Consello da Xunta deu luz verde o mes pasado á incorporación da Domus tras o cumprimento de todos os requisitos esixidos. Tal e como se establece no acordo, a inserción desta entidade fundaméntase no seu papel esencial na salvagarda e conservación dos obxectos atopados no xacemento arqueolóxico sobre o que se sitúa, así como no feito de que se garante a integridade dos bens culturais ao tempo que se compatibiliza a súa conservación coa visita pública.

Con motivo desta dobre celebración, o Museo acollerá unhas xornadas de portas abertas, con entrada gratuíta do 13 ao 18 de maio. Ademais, o martes 13, ás 19.00 horas, terá lugar unha conferencia de F. Arias Vilas, arqueólogo e antigo director do Museo do Castro de Viladonga e de Celso Rodríguez Cao, arqueólogo-director das escavacións da Domus. Baixo o título ‘A Domus do Mitreo e a muralla, 25 anos despois’, conmemoraranse tanto o descubrimento da Domus como o 25 aniversario da declaración da muralla de Lugo como Patrimonio da Humanidade.

Finalmente, o xoves 15 de maio, ás 18.00 horas, realizarase unha Xincana co título ‘Coñecendo Lucus Augusti a partir da Domus do Mitreo’ na que as persoas participantes terán que desvelar varias pistas e enigmas que lles permitirá descubrir os restos da antiga Lucus Augusti. A actividade, apta para todas as idades, é gratuíta, pero as prazas son limitadas, polo que é necesario inscribirse na dirección de correo museomitreo.lugo [at] fundacionusc.gal (museomitreo[dot]lugo[at]fundacionusc[dot]gal) No caso de que non se poida realizar debido ao mal tempo, darase a coñecer unha data alternativa.

Emblema de Lugo

Este espazo emblemático da capital lucense adquire aínda máis importancia tendo en conta a relevancia dos dous elementos patrimoniais que custodia: a Domus e o Mitreo. No primeiro deles, que fai referencia a un tipo de casa, documéntase o período romano da cidade de Lugo e amosa aspectos sobre a relación económica co territorio e as súas paisaxes. Así mesmo, conta con estruturas e restos de materiais e elementos que evidencian unha zona termal e a decoración parietal.

Por outra banda, o Mitreo, é un templo dedicado ao deus Mitra. Trátase dun elemento de gran singularidade e relevancia histórica ao tratarse do único, ata o momento, en toda a Península Ibérica que conserva a planta enteira. Á singularidade deste conxunto súmase que o espazo está situado nun punto de referencia patrimonial da cidade de Lugo no que conflúen a Muralla Romana, construída sobre parte do xacemento, a Catedral de Santa María e o Camiño Primitivo de Santiago de Compostela. 
 

Cartel do evento
Cartel do evento