A doazón de José Otero Túñez ao Museo de Historia Natural amosa a evolución do material dos laboratorios

A ampla diversidade do material doado por José Otero Túñez ao Museo de Historia Natural (MHN) da USC permitirá poder coñecer polo miúdo no futuro como era o material empregado nos laboratorios científicos de principios ou mediados do século XX. O reitor visitou este martes o museo da USC para coñecer da man do propio José Otero o gran valor de todo o material doado. Acompañáronos nese acto a familia de Otero e o director do MHN, Javier Iglesias.

O equipamento histórico que recibiu a institución universitaria inclúe elementos singulares como unha balanza analítica mecánica Sartorius Werke, fabricada no ano 1930, en Gottingen, Alemaña, que incorpora o uso de urnas para protexer o aparello dos efectos corrosivos dos gases emitidos nos laboratorios, ou a balanza analítica electromecánica Sartorius Selecta, un modelo fabricado desde o ano 1955, que incorpora un sistema pneumático para minimizar as oscilacións ademais de brazo simétrico con autocompensación, proxección óptica da escala, carga automática de masas e coitelas de zafiro.

Dentro da colección, hai material de laboratorio fabricado en cerámica. Os crisois e cápsulas de cerámica úsanse en aplicacións onde é esencial a resistencia térmica, resistencia á corrosión e á oxidación, e empréganse como recipientes para evaporar metais, como aconteceu cos exemplares desta colección pertencentes a un laboratorio dedicado á minería. Nesta doazón hai pezas das empresas Rosenthal, CIM e Staatlich.

Así mesmo hai numeroso material fabricado en vidro, como un picnómetro de 20 centímetros cúbicos para medir fluídos. O picnómetro é un instrumento de medición cun volume coñecido que permite coñecer a densidade ou o peso específico dun líquido mediante método gravimétrico e unha temperatura determinada.