A directora xeral de FP pon en valor os cinco espazos de tecnoloxía aplicada dos centros de Santiago para impulsar a innovación nestas ensinanzas

Santiago de Compostela, 29 de novembro de 2024

A directora xeral de FP, Eugenia Pérez, puxo hoxe en valor os cinco espazos de tecnoloxía aplicada dos centros de Santaigo para impulsar a innovación nos ciclos formativos e másteres de FP. Fíxoo nunha visita ao Centro Integrado de FP Politécnico, onde coñeceu un dos seus proxectos no marco deste programa.

En concreto, visitou o Laboratorio de ensaios de materiais, un espazo de tecnoloxía aplicada dotado con equipos punteiros como microscopios electrónicos, sistemas de escaneo e impresión 3D, cámaras de alta velocidade ou sistemas de proxección multimedia. Del benefícianse os alumnos de ciclos de varias familias profesionais, como as de Química, Fabricación Mecánica, Madeira, ou Soldadura.

A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP lembrou que estes espazos están dotados con ferramentas e elementos que simulan as contornas laborais, incorporando recursos apoiados en tecnoloxías dixitais tales como simuladores ou xemelgos dixitais. O obxectivo é reforzar a conexión das ensinanzas de FP coa realidade dos centros de traballo e dinamizar a transferencia tecnolóxica entre os centros e o tecido produtivo, así como ofrecer ao alumnado a mellor cualificación en novas tecnoloxías aplicables ao mercado de traballo.

Un total de 80 aulas en toda Galicia

Neste curso 2024/25 funcionan un total de 80 espazos de tecnoloxía aplicada nos centros galegos que imparten FP, dos que cinco están en centros composteláns. Deste xeito, o Politécnico conta tamén co de Diagnose avanzada do vehículo eléctrico e híbrido e unha Aula de automatización industrial, robótica e dixitalización do mantemento. Ademais, o Centro Integrado de FP Compostela conta con dous: Simuladores na aula de impresión e Aula de Panadaría – Pastelaría Advance.