A Coruña, 12 de febreiro de 2025
A directora catalá Mar Coll protagonizou na tarde de onte un novo cheo na Filmoteca de Galicia con motivo da presentación e proxección da súa última película, Salve María, dentro do ciclo Close-Up: cine e perspectiva de xénero. Desde o pasado mes de outubro, pasaron xa pola sede da cinemateca da Xunta na Coruña destacadas e premiadas cineastas como Jaione Camborda, Pilar Palomero, Carla Simón ou Elena López Riera, entre outras, para dar conta e reflexionar sobre o cinema feito por mulleres.
A comisaria do ciclo, Elsa Tébar, moderou a conversa na que Mar Coll compartiu co público as claves do seu proceso creativo e da súa terceira longametraxe, na que desmonta mitos arredor da maternidade. Ademais de conseguir o premio Feroz á mellor película dramática, a interpretación nela de Laura Weissmahr vén de ser recoñecida co Goya á mellor actriz revelación.