A Cátedra Otero Pedrayo bota a andar coa concesión da Insignia de Ouro a Manuel Lourenzo

Santiago de Compostela

A Cátedra institucional Otero Pedrayo iniciou este mércores a súa andaina no Paraninfo da Universidade co acto de imposición da Insignia de Ouro da Universidade de Santiago ao actor e dramaturgo galego Manuel Lourenzo Pérez, figura de relevancia no eido cultural galego e na posta en valor da obra dramática de Pedrayo. “Sen dúbida, levarei esta insignia universitaria como o meu orgullo máximo; non podía agardar nos últimos anos da miña vida un título así”, dixo un Lourenzo “moi feliz e emocionado” e con todas as persoas asistentes respondendo cunha grande ovación.

Froito dun convenio entre a USC, o Parlamento e a Xunta de Galicia para instituír esta e outras tres dedicadas a Castelao, Rosalía de Castro e Carvalho Calero, a Cátedra Otero Pedrayo ten o obxecto de manter, arrequentar e espallar o coñecemento do seu legado artístico e intelectual, en tanto figura sobranceira da Galicia do século XX. A cátedra contará no seu camiño coa colaboración de institucións culturais vencelladas directamente coa súa persoa como as Fundacións Otero Pedrayo e a Penzol, pero tamén coa Real Academia Galega na que ingresou no ano 1929.

Para o reitor, presentar esta cátedra é un acto de xustiza para con quen manifestou ao longo de toda a súa vida “amor pola Terra, compromiso na defensa da nosa cultura, rigor intelectual e diálogo entre tradición e modernidade”.

Un nome imprescindible
O momento máis emotivo do arranque da Cátedra tivo lugar coa imposición, por parte do reitor, da Insignia de Ouro a Manuel Lourenzo, “un mariñán ilustre cunha vida dedicada ao teatro e á cultura”. A laudatio do dramaturgo correspondeulle á profesora Vilavedra, unha das responsables da dirección da Cátedra: “Lourenzo é un deses nomes imprescindibles que explican o que fomos pero tamén o que somos; porque é posible afirmar, sen medo a esaxerar, que se hoxe Galicia ten un teatro profesional e unha profesión teatral é grazas a Manuel Lourenzo”.

“O de hoxe -manifestou Vilavedra- é un xesto público de gratitude a quen tanto nos ensinou e a quen nos alertou dun camiño por percorrer: o do estudo e difusión da obra dramática de Don Ramón, se cadra a menos coñecida da súa produción, minimizada ante a súa magna erudición e a súa vizosa narrativa, mais tamén beireada en boa medida por ser froito dun pulo vangardista que canxaba mal con visións máis ortodoxas da súa figura e o seu legado”.

Na breve achega a “cincuenta anos de inesgotable creatividade” do homenaxeado, Dolores Vilavedra puxo en valor o intenso vencello que nos anos 90 do pasado século mantivo Lourenzo coa Aula de Teatro da USC, máis dunha década na que formou parte do seu programa formativo e de moitas outras accións. É por iso que na cerimonia actores e actrices dese agrupamento teatral deron lectura a textos de Otero Pedrayo como A derrota do protomedicato ou a danza do docente liberado e do propio Lourenzo, co seu texto teatral Cando chega decembro, unha obra escrita polo autor no ano 1992 e que a Aula universitaria de Teatro  estreou un ano despois.

Este forte vínculo coa Aula de Teatro levou tamén a que o seu director, Roberto Salgueiro, lle dirixise unhas palabras, nas que puxo en valor a “interrogación constante” á que nos somete a literatura de Lourenzo. “Preguntar, poñer en cuestión, someter o mundo a unha pregunta irresoluble que sempre trata de buscar a resposta nunha construción sintáctica que ordene a realidade doutro xeito; que procura na dobrez da palabra, na capacidade da metáfora, unha posibilidade de entender a vida”, dixo Salgueiro.

A Cátedra
Foi o profesor de Xeografía da USC Francisco Durán o encargado de presentar a Cátedra e a destacada traxectoria vital de Otero Pedrayo. Dende a súa época de estudante ata a fundación da revista Nós ou o compromiso político coa lingua e a cultura galegas, “cunha integridade moral que lle mereceu o respecto de todas as faccións do galeguismo, pois soubo antepoñer os intereses de Galicia fronte ás rivalidades políticas e o persoal”.

Houbo tamén unha lembranza ao seu paso pola docencia na Universidade de Santiago dende a Cátedra de Xeografía. “Dende as aulas deste vello edificio foi quen de transmitirlle ao alumnado o amor á Terra, á lingua e á cultura -selado coa súa despedida en galego-, o valor da lealdade e botar sementes de esperanza”, afirmou Durán.

“É unha honra para nós co dirixir esta Cátedra dedicada a manter viva a memoria deste gran polígrafo que foi Otero Pedrayo, o Patriarca das Letras Galegas”, confesou, “para así transmitirlle á sociedade a necesidade de seguir traballando arreo por Galicia, pola súa lingua, receptáculo de experiencia do noso pobo e sedimento do seu pensar, pola súa cultura e polo territorio e as súas xentes”.

No acto participou tamén o presidente do Parlamento, Miguel Santalices, que puxo en valor a faceta “galeguista e humanista cristián” de Don Otero, así como o secretario xeral de Lingua, Valentín García, para quen as cátedras coas que colabora a Xunta de Galicia son un “foco de irradiación da nosa cultura e lingua”.

Manuel Lourenzo recibiu a Insignia de mans do reitor Antonio López e en presenza da secretaria xeral da Universidade. Foto: Santi Alvite
Manuel Lourenzo recibiu a Insignia de mans do reitor Antonio López e en presenza da secretaria xeral da Universidade. Foto: Santi Alvite

Membros da Aula de Teatro da USC interpretaron textos de Otero Pedrayo e de Manuel Lourenzo. Foto: Santi Alvite
Membros da Aula de Teatro da USC interpretaron textos de Otero Pedrayo e de Manuel Lourenzo. Foto: Santi Alvite

O acto contou coa asistencia dun nutrido grupo de representantes institucionais da USC. Foto: Santi Alvite
O acto contou coa asistencia dun nutrido grupo de representantes institucionais da USC. Foto: Santi Alvite

Público asistente á cerimonia. Foto: Santi Alvite
Público asistente á cerimonia. Foto: Santi Alvite