A Casa de Galicia en Madrid súmase ás celebracións do bicentenario do matemático Rodríguez cunha mostra sobre a traxectoria deste científico universal

Madrid, 6 de febreiro de 2025

A Casa de Galicia en Madrid acolle desde hoxe a mostra itinerante José Rodríguez, o matemático de Bermés, unha iniciativa da Real Academia Galega de Ciencias en colaboración coa Xunta de Galicia e o Concello de Lalín na que se lle rende homenaxe ao científico dezano no marco do bicentenario do seu pasamento que tivo lugar en 2024, cando foi nomeado científico galego do ano.

O secretario xeral técnico da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Manuel Vila, e o director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, inauguraron hoxe esta exposición nun acto no que tamén participaron o presidente da Real Academia Galega de Ciencias, Juan Lema, e o matemático Juan José Nieto en representación da Universidade de Santiago de Compostela.

A mostra itinerante, que pode visitarse ata o 28 de febreiro na sala Emilio Pardo Bazán da Casa de Galicia na capital de España, ten como obxectivo divulgar e dar a coñecer a figura e a obra deste  intelectual que co seu talento contribuíu ao desenvolvemento científico da súa época.

Os visitantes que se acheguen teñen á súa disposición un percorrido gratuíto pola vida e contribucións científicas do Matemático Rodríguez a través de paneis explicativos, documentos históricos e material interactivo. Non en balde, o astrónomo de Bermés foi unha das grandes figuras da Ilustración galega, cuxo traballo situou Galicia nos principais debates científicos internacionais do seu tempo grazas aos estudos no eido das matemáticas e a astronomía.

A iniciativa subliña a importancia de preservar e difundir a memoria dos grandes científicos galegos, asegurando así que as novas xeracións coñezan e valoren a súa contribución ao avance do coñecemento. Antes de recalar en Madrid, a exposición xa se puido visitar en Santiago de Compostela e en Lalín, o concello que o viu nacer en 1770.

Deja un comentario