A Casa de Galicia en Madrid pon en valor o Entroido galego cunha exposición sobre os entroidos tradicionais da provincia de Ourense

Madrid, 5 de febreiro de 2025

A Casa de Galicia en Madrid acolleu esta tarde a inauguración da exposición Entroidos tradicionais. Provincia de Ourense. A mostra pon en valor unha das celebracións máis auténticas e representativas da cultura popular galega: o Entroido.

O director da Casa de Galicia en Madrid, Luis E. Ramos, presidiu o acto. Na súa intervención, salientou que “o Entroido non é só un espectáculo visual e cultural, se non que tamén un motor de dinamización turística”. Da importancia dos entroidos en Galicia da conta o recoñecemento do de Xinzo de Limia como ‘Fiesta de Interés Turístico Internacional’ ou do Entroido de Verín como ‘Fiesta de Interés Turístico Nacional’. Amáis, outros nove reciben o recoñecemento de ‘Festas de Galicia de Interese Turístico’.

Luis E. Ramos destacou tamén a gastronomía propia destas datas “un bo Entroido non se entende sen unha boa mesa, cun cocido, filloas e orellas… algúns dos sabores que fan desta festa unha experiencia completa para os sentidos”. O director da representación da Xunta de Galicia animou aos presentes a vivir en primeira persoa o verdadeiro Entroido e agradeceu á Deputación de Ourense e ao Inorde (Instituto Ourensán de Desenvolvemento Económico) o esforzo por trasladar ata o corazón de Madrid os elementos máis característicos dos seus entroidos.

A exposición, que inclúe fotografías, traxes tradicionais, máscaras e obxectos característicos desta festividade, permite ao público madrileño vivir de preto a singularidade do Entroido galego. Unha proposta, que coa colaboración da Deputación de Ourense a través do Inorde, permite revalorizar e conservar as tradicións do Entroido máis tradicional da Provincia de Ourense.

Nesta mostra, os visitantes poderán descubrir as figuras principais do Entroido ourensán. A sala Álvaro Cunqueiro conta con un total de 21 fotografías a toda cor que amosan todos os traxes tradicionais, dende os máis coñecidos como os da ‘Madama e o Galán’ de Cualedro ou o do ‘Boteiro’ de A Gudiña ata os máis descoñecidos como o do ‘Follateiro’ de Lobios ou o da ‘Bonita, o oso e a vaca’ de Cartelle.

Poderán coñecer tamén a tamaño real os traxes da ‘Pantalla’ de Xinzo de Limia, o ‘Peliqueiro’ de Laza, a ‘Mázcara’ de Manzaneda, o ‘Troteiro’ de Bande e o ‘Boteiro’ de Viana do Bolo procedentes da Escola Provincial de Danza Xaquín Lorenzo. Ademáis de dúas máscaras orixinais da ‘Gárgola’ de Celanova e do ‘Boteiro’ de Vilariño de Conso.

A exposición ‘Entroidos tradicionais. Provincia de Ourense’ estará aberta na sala Álvaro Cunqueiro ata o 28 de febreiro de 2025. Horario de visitas de luns a sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:00 a 20:00 horas e os domingos e festivos de 10:00 a 14:00 horas. Este horario pode sufrir modificacións a causa da actividade da Casa de Galicia.

Deja un comentario