A biblioteca pública da Xunta en Lugo abre mañá a exposición fotográfica itinerante ‘A mili no Sáhara’

Lugo, 1 de maio de 2025.- A  Biblioteca Pública da Xunta acollerá dende mañá venres ata o 12 de maio a exposición fotográfica itinerante A mili no Sáhara, que chega á cidade da man da Subdelegación de Defensa de Lugo.

A inauguración está prevista para as 17,00 horas e incluirá unha mesa redonda aberta ao público na que ofrecerán a súa testemuña dous veteranos que fixeron a mili no Sáhara: Julio Méndez e Bernardo Valiño.

A mostra exhibe fotografías compiladas na páxina web da Asociación nacional de veteranos da mili no Sáhara, que dende o ano 2003 vén reunindo material e testemuñas de persoas que cumpriron o servizo militar no Sáhara e outras que por traballo, familia ou comercio estiveron destinadas no África Occidental Español.

No acto, no que se presentará o contido da exposición, intervirán tamén o director territorial de Cultura, Lingua e Xuventude, Manuel Antonio Fernández Piñeiro; e subdelegado de Defensa en Lugo, o coronel Juan José Fernández Arrojo, entre outras persoas.

Deja un comentario