Santiago de Compostela
A ecóloga e profesora de Xeografía da USC Mar Sobral acaba de recibir o Premio ‘Contribución á diversidade e a inclusión na academia’ que por terceiro ano consecutivo entrega a Asociación Española de Ecoloxía Terrestre (AEET). Esta entidade científica quere así recoñecer “a intensa actividade e compromiso en tarefas de fomento e defensa da igualdade e diversidade en ciencia” da investigadora do Idega da USC, editora xefe asociada da revista internacional Ecological Monographs e co editora xefe da revista nacional Ecosistemas.
Para o xurado, a “intensa actividade” de Sobral inclúe coordinación e participación en blogs e podcasts, organización de obradoiros e comisións de igualdade e o desenvolvemento de medidas en materia de igualdade e diversidade. Tamén destacan o seu labor na posta en marcha de actividades de innovación docente e a publicación de varios traballos sobre muller e investigación.
Mar Sobral colabora desde 2019 coa Unidade de Igualdade da UVigo na elaboración e difusión de medidas en materia de igualdade e é co fundadora de @MadresBDV (madres científicas que investigan en biodiversidade) e membro da Comisión de Diversidade e Inclusión da Sociedade Ibérica de Ecoloxía (Sibecol). Foi ademais coordinadora da Comisión de Igualdade da AEET, onde co organizou diversas actividades para mellorar a igualdade, a diversidade e a inclusión na academia como o congreso virtual internacional Women In Science – Ecology para visibilizar os problemas que enfrontan as investigadoras na súa carreira con testemuñas reais e mellorar os protocolos de actuación con mesas redondas con científicas expertas ou a campaña #HerScienceSparkledMine para dar luz á experiencia laboral e inspirar outras investigadoras con entrevistas a 15 científicas líderes en Ecoloxía. É tamén co creadora do podcast Ecolocas para dar a coñecer os problemas cotiás das investigadoras en ecoloxía e bioloxía en España.
XVII Congreso da AEET
Mar Sobral é ademais co organizadora e coordinadora do comité científico do XVII Congreso da AEET e terceira xuntanza da Sibecol, que organiza persoal investigador da UVigo, USC e CSIC e que se desenvolverá baixo o lema ‘Outra ciencia é posible’ entre o 2 e o 5 de xuño en Pontevedra. Nesta cita participarán 800 investigadoras e investigadores, co propósito de debater sobre como, desde o campo da ecoloxía, pode promoverse un futuro máis inclusivo e sostible para a investigación científica.
Co título de ‘Outra ciencia é posible: diversidade, decrecemento e sostibilidade en investigación ecolóxica”, neste evento insírense o décimo sétimo congreso bienal da AEET e a terceira reunión de Sibecol, sociedade que agrupa ás entidades científicas españolas e portuguesas dedicadas á investigación en ecoloxía terrestre, ecoloxía mariña e ecoloxía de augas doces.
Un dos obxectivos do congreso será impulsar unha reflexión sobre o propio papel da comunidade científica, pondo o foco na importancia de “promover prácticas como a redución da pegada ecolóxica nas investigacións, a inclusión de diversas perspectivas e saberes e a aposta por modelos científicos máis xustos e sostibles”. Do mesmo xeito, buscarase tamén xerar un debate que conecte a idea do decrecemento e o labor investigador, xa que “moitas veces a ciencia vai demasiado rápido, produce por producir e esquécese do para que”, o que, no ámbito da ecoloxía, “é unha contradición enorme”, recoñecen. De aí que resalten a necesidade dunha ciencia “que non desgaste as persoas nin o planeta” e de que as ideas de sostibilidade e diversidade contribúan a unha investigación “realmente conectada co mundo que dicimos querer coidar”, explican as organizadoras.