A artista Cris Romero capta coa súa cámara “a maxia e o silencio” da borraxeira

A fotógrafa Cris Romero expón dende este mércores 23 de abril na Igrexa da Universidade a mostra ‘Ao mar: perseguindo a borraxeira’, un proxecto que nace en 2020 coa finalidade de incluír todas as súas fotografías que teñen o mar como protagonista secundario. A exposición inaugurárona a vicerreitora de Estudantes e Cultura, Pilar Murias, e a propia autora.

A mostra que permanecerá na USC ata o 30 de xuño é o resultado dun primeiro proxecto sobre as mariscadoras de Muros, coas que Cris Romero traballou durante tres anos fotografando a súa vida cotiá na ría. “O seu esforzo e tesón contra todo prognóstico, o mal tempo e o cesamento da actividade foron unha constante no meu esforzo por reflectilo nas miñas fotografías, por valoralas, e por darlles unha plataforma para dar a coñecer o seu traballo, algo que todos coñecen en Galicia pero non no resto de España”, asegura a autora. O resultado foron dúas exposicións, unha en xullo de 2023 no Molino de Mareas de Muros e outra en marzo de 2024, en Madrid con motivo do Día da Muller, e a edición dun libro.

Nese tempo en Muros apareceu moitas veces sen previo aviso a ‘borraxeira’ (como lle chaman na zona á néboa), que a autora comezou a fotografar “primeiro por curiosidade e despois para converterse na protagonista da imaxe”. Ese fenómeno meteorolóxico é o que conforma a exposición que hoxe se inaugurou, que ademais recolle algunha imaxe premiada co Novo Talento da FNAC para a fotografía 2023. Dese proxecto, na Igrexa expóñense 18 imaxes, fotografadas cunha Leica M11 Monochrom, que só captura momentos en branco e negro, momentos de luz e sombra sen procesar a cor como outras cámaras.

No acto de apertura, Cris Romero mostrouse moi emocionada por poder expoñer o seu proxecto sobre a borraxeira -“que converte as nosas costas en lugares cheos de maxia e dun silencio que o cobre todo”, dixo- nun espazo como a Igrexa da Universidade, unha idea que tamén recuperou a vicerreitora, quen cualificou de “luxo” ter “a maxia desta mostra” nun espazo “tan espiritual”.

Cris Romero
A autora leva máis de 15 anos como artista fotográfica, inmortalizando a vida a través do visor da súa cámara, sempre en branco e negro, que engade elegancia e temporalidade ás súas imaxes, contando historias que debuxa na luz, as sombras e a escala de grises entre o branco e o negro. Esa ausencia de cor centra a historia no que é importante.

Nada en Ourense en 1969, formouse durante moito tempo e logo profesionalmente en Madrid. Expuxo en Madrid, A Coruña, Ourense, Barcelona, Sevilla, Zaragoza, Valencia, Sidney, Londres e Nova York.

A exposición, de entrada libre, pode visitarse de luns a venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas.
 

A vicerreitora Pilar Murias e a artista Cris Romero, no acto de inauguración. Foto Santi Alvite
A vicerreitora Pilar Murias e a artista Cris Romero, no acto de inauguración. Foto Santi Alvite