A Área de Orientación Laboral e Emprego impulsa no Campus de Lugo accións formativas para fomentar a inserción profesional

Lugo

As Xornadas de Orientación Profesional no Campus de Lugo que se desenvolverán os días 29 e 30 de abril prepararán o estudantado dos últimos cursos e as persoas tituladas recentes para a súa incorporación ao mundo laboral. A actividade impulsada pola Área de Orientación Laboral e Emprego da USC abordará ferramentas para a busca de emprego como LinkedIn ou diversas estratexias para potenciar as competencias profesionais ou como afrontar as entrevistas de traballo. 

‘LinkedIn como ferramenta para a busca de emprego’ terá lugar o 29 de abril e desenvolverase en liña entre as 10.00 e as 11.30 horas. Xa pode solicitarse praza nesta actividade a través do seu formulario de inscrición. “Aprenderemos como elaborar e mellorar o perfil de LinkedIn, como construír unha rede de contactos e as utilidades que ofrece esta rede social para a busca de emprego”, explica o relator da sesión Carlos Parada Gandós, consultor de Formación especialista en eLearning e Innovación Educativa.  

 ‘Buscando oportunidades de prácticas’ chegará ao seminario 1 da Facultade de Administración e Dirección de Empresas (ADE), o 30 de abril. Puri Torrente Sánchez, técnica da Área de Orientación Laboral da USC e Rosa Sánchez Santos., técnica de xestión de UNINOVA impartirán esta actividade na que se ofrecerá información sobre programas de prácticas e bolsas a nivel autonómico, estatal e internacional, ás que pode acceder estudantado e persoas egresadas para a súa inserción laboral. Falarase tamén do programa de mobilidade para emprendedores Erasmus for young entrepreneurs. A inscrición xa está aberta. A actividade estenderase de 10.00 a 11.00 horas. 

Tamén o 30 de abril e no mesmo escenario terá lugar a actividade formativa ‘3 estratexias para potenciar as competencias profesionais’. A inscrición permitirá fomentar, dun xeito práctico e dinámico, as tres estratexias clave para reforzar as competencias máis valoradas na procura de emprego. Ademais reflexionarase sobre a importancia de adestralas, xa que teñen un papel fundamental nos procesos de selección. A relatora será Nelly Rey Rey, consultora de empresa e interim manager. A actividade estenderase de 11.00 a 12.00 horas. 

Finalmente, ‘Adestra para a túa próxima entrevista’ terá lugar en ADE o 30 de abril, de 12.30 a 13.30 horas. A inscrición nesta actividade permitirá que as persoas participantes accedan a ferramentas e consellos prácticos para afrontar con éxito unha entrevista de traballo, afondando nos aspectos clave que valoran as persoas recrutadoras. A sesión incluirá simulacións de entrevistas para poñer en práctica os contidos aprendidos. Sara Míguez e Beatriz Albarrán da área de Recursos Humanos de FINSA serán as encargadas de impartir esta formación.   

Poden obterse máis datos sobre estas accións na Área de Orientación Laboral da USC a través do enderezo electrónico orientacion.laboral [at] usc.es (orientacion[dot]laboral[at]usc[dot]es) ou no teléfono 8818 12850.