Villares destaca que Galicia traballa da man do sector da pesca para defender os seus intereses e garantir a soberanía alimentaria

Santiago de Compostela, 14 de novembro de 2024

O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, destaca que Galicia está a traballar da man do sector marítimo-pesqueiro para defender os seus intereses en prol dunha soberanía alimentaria que radique no equilibrio entre as capacidades de pesca existentes e os recursos pesqueiros dispoñibles, garantindo a conservación dos recursos e o futuro das familias que viven desta actividade. Así o trasladou no transcurso da xornada de peche do Programa de Desenvolvemento Directivo para Empresas Alimentarias e posterior acto de entrega de diplomas, organizado polo Clúster Alimentario de Galicia (Clusaga).

O responsable autonómico confirma que o reto do Goberno galego seguirá a ser que a Comisión Europea cree as condicións necesarias para que a actividade da pesca sexa sostible ambientalmente a longo prazo e xestionada de maneira coherente cos obxectivos económicos, sociais e de emprego. En definitiva, impulsando un programa centrado na dotación das competencias necesarias para garantir a competitividade das empresas galegas.

Neste senso, puxo en valor que a estrutura económica galega depende de forma significativa do sector pesqueiro, configurándose como estratéxico, polo seu peso económico e a súa dimensión social. Os datos así o reflicten. A súa achega ao Produto Interior Bruto é do 4,8%, especialmente relevante no litoral, onde a actividade económica depende do mar. Asemade, o Valor Agregado Bruto é do 5,5%, representando unha porcentaxe 25 veces superior ao da pesca da UE e máis de 6 veces ao de España. En definitiva, é a actividade con maior índice de produtividade por traballador.  É o cuarto sector en exportacións de Galicia e o máis importante de Europa con 40.000 empregos directos.

Apoio da Consellería

Para o desenvolvemento desta iniciativa, que forma parte do seu Plan de Formación 2024, Clusaga contou coa colaboración da Universidade Intercontinental da Empresa e da Consellería do Mar.

O Clúster Alimentario de Galicia foi creado en 2010 e opera na estrutura organizada do sector alimentario galego, integrando ás empresas e ás entidades de investigación e innovación, ademais doutras organizacións. O seu liderado baséase en transformar visións e plans de accións, creando solucións prácticas e aproveitando as oportunidades para abordar o reto de mellora a posición competitiva dos seus asociados, co conseguinte incremento de rendibilidade de forma sustentable. Na actualidade, conta con 150 socios.