Valga (Pontevedra), 14 de novembro de 2024
A directora xeral de Ordenación e Innovación educativa, Judith Fernández, participou esta tarde na inauguración do XXXVII Congreso da Asociación de Ensinantes de Ciencia de Galicia (Enciga), onde destacou a importancia das áreas matemática e científico‑tecnolóxicas na formación cidadá do alumnado. Neste sentido, sinalou a utilidade destas ensinanzas para facer fronte aos desafíos da vida diaria, cada vez mais complexos, así como ás noticias falsas no eido científico.
A representante da Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP puxo en valor, ademais, o peso crecente das mulleres e as nenas na ciencia e salientou a aposta da Xunta por diminuír a fenda de xénero nestas disciplinas a través do programas como o Bacharelato de excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMbach), no que predominan as alumnas.
“Proba deste papel feminino cada vez máis importante nestas áreas é que a xunta directiva de Enciga está conformada integramente por mulleres e a conferencia inaugural deste congreso é impartida por Begoña Vila Costas, enxeñeira principal de sistemas no Centro Espacial Goddard da NASA”, incidiu a directora xeral.
Obradoiros e conferencias
Desde hoxe ata o vindeiro sábado, o Instituto IES Plurilingüe de Valga acolle as actividades deste congreso, que abranguen desde o intercambio de experiencias e boas prácticas de centros educativos, ata visitas culturais, pasando por obradoiros arredor da Bioloxía, a Xeoloxía, a Física, a Química e as Matemáticas.
Ademais da conferencia inaugural, A exploración espacial: ensinándonos o universo, de Begoña Vila, o profesor titular no Instituto Galego de Física de Altas Enerxías da USC Xabier Cid será o responsable do relatorio Cern: 70 anos de historia e ciencia. Pola súa banda, a enxeñeira e doutora en Informática e graduada en Matemáticas, investigadora do CITIC, Susana Ladra, amosará en Revolucionando a aula como a intelixencia artificial transforma a educación; mentres que o presidente da Fundación Rosalía de Castro e profesor da Universidade de Vigo, Anxo Angueira, impartirá a conferencia Rosalía, a ciencia e a modernidade.