A OIX impulsa novas accións formativas sobre corresponsabilidade e prevención da violencia e o acoso

A Oficina de Igualdade de Xénero acaba de abrir o prazo de preinscrición para dúas microcredenciais universitarias sobre novas masculinidades, coidados e corresponsabilidade e sobre prevención e tratamento das violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC.

Na primeira delas é posible formalizar a preinscrición ata o 23 de abril, mentres que o proceso de matrícula deberá realizarse entre os días 24 e 27 de abril. O concepto de novas masculinidades busca desmontar os patróns da masculinidade hexemónica, promovendo modelos máis xustos e equitativos. Este curso pretende proporcionar unha comprensión crítica das relacións de xénero, incidindo na importancia dos coidados e a corresponsabilidade como eixos fundamentais para o cambio social. 

Está dirixido a persoal docente e investigador, así como técnico, de xestión e de administración e servizos e estudantado da USC. Desenvolverase na Facultade de Dereito os días 5, 6 e 7 de maio en horario de 16.30 a 20.30 horas e o día 8 maio de 16.30 a 19.30 horas. Trátase dun curso financiado polo convenio entre a Consellaría de Política Social e Igualdade e a USC para o desenvolvemento de actuación en execución do Plan Corresponsables. 

Prevención e tratamento das violencias sexuais

O segundo dos cursos para os que a OIX acaba de abrir a preinscrición está dedicado á prevención e tratamento das violencias sexuais e o acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero na USC. Esta é unha actividade formativa dirixida a integrantes das comisións de igualdade dos centros, facultades, residencias e colexios maiores dos campus de Santiago e Lugo. O seu obxectivo será reflexionar e analizar o protocolo aprobado en Consello de Goberno de 25 de outubro de 2024 para facer fronte a situacións de violencias sexuais e acoso por razón de sexo, orientación sexual e identidade ou expresión de xénero.

A preinscrición poderá realizarse ata o 25 de abril, mentres que o período de matrícula abarcará do 26 de abril ao 8 de maio. O programa deste curso desenvolverase os días 22 e 28 de maio e 5 de xuño, en horario de 15.30 a 20.30 horas na Facultade de Dereito e vía Teams para participantes dende o Campus de Lugo.