Santiago de Compostela, 9 de abril de 2025
A Xunta particIpa a través da Rede de Polos de Emprendemento e Apoio ao Emprego, o vindeiro xoves 17 de abril en Vigo, nunha nova xornada do proxecto O camiño do emprendemento musical, organizada por Wake Up co apoio do Executivo galego. Con esta iniciativa, preténdese introducir, instruír e mentorizar ás mozas e mozos galegos que estean a barallar a industria musical e de eventos como unha saída profesional, compaxinando eventos presenciais e mentorías con artistas e profesionais do sector.
Na xornada que celebraráse no recinto Ifevi estarán presentes cinco profesionais do sector, entre artistas e promotores, técnicos e persoal de comunicación que abordarán diversos puntos de interese para aqueles que desexen transformar a súa paixón pola música nun proxecto de éxito, indo desde a xestión da carreira artística ata as claves para destacar nun sector altamente competitivo, fomentando o dialógo e creando sinerxías entre asistentes e relatores, achegando unha contorna ideal para o networking. Ademais, os participantes inscritos a través da páxina web da Rede de Polos poderán coñecer as últimas tendencias e ferramentas para crear e xestionar proxectos musicais innovadores.
Este proxecto -que conta coa colaboración da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración e a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude- enmárcase no compromiso estratéxico do Goberno autonómico con potenciar as oportunidades laborais da mocidade, ao tempo que promove o espírito emprendedor entre a comunidade máis nova para avanzar no impulso de proxectos innovadores que dinamicen o territorio e impacten na xeración de riqueza e emprego.