Faisury Zapata García gaña o Premio Carlos Valcárcel do Maratón Fotográfico da USC coa imaxe ‘Eu’

Lugo

Máis de medio cento de participantes inscribíronse na trixésima edición do Maratón Fotográfico da USC, un certame consolidado que cada ano se desenvolve no Campus de Lugo e que na súa última convocatoria rexistrou preto de corenta traballos a concurso. A obra ‘Eu’ de Faisury Zapata García obtivo o galardón Carlos Valcárcel á mellor fotografía do tema proposto pola organización que este ano centrouse na paisaxe lingüística. O premio conta cunha dotación de 350 euros, trofeo e diploma. 

O Premio Eduardo Ochoa á mellor fotografía de tema libre, dotado con 300 euros, foi para Begoña Pérez López por ‘Artecan’, mentres que o voto do público recoñeceu o traballo de María Fátima Carbón González coa obra ‘Un domingo de Outono’, imaxe pola que recibiu 100 euros. A Biblioteca Intercentros do campus lucense acolleu na tarde deste luns 11 o acto de entrega dos galardóns e a inauguración da mostra relativa ao Maratón Fotográfico que poderá visitarse ata o 30 de xaneiro. Ademais, no marco desta iniciativa, elixiranse doce fotografías que formarán parte do calendario do ano 2025 de Lugo Cultural, que non teñen por que coincidir coas que integran a exposición.