O profesor Antonio Míguez Macho, elixido novo decano da Facultade de Xeografía e Historia

O profesor Antonio Míguez Macho vén de ser elixido decano da Facultade de Xeografía e Historia tras unha votación que tivo que se volver celebrar este luns dado que o pasado mércores as dúas persoas candidatas chegaron a empate nas dúas voltas. Míguez obtivo na votación 41 votos, mentres que María José Piñeira acadou 34. A estes hai que lle sumar outros 7 en branco.

Antonio Míguez Macho (Santiago de Compostela, 1979) é doutor en Historia pola Universidade de Santiago de Compostela e foi investigador postdoutoral en The London School of Economics and Political Science, ademais de contratado Marie Curie e Ramón y Cajal na USC. Na actualidade, é profesor titular de Historia Contemporánea e vicedecano da Facultade de Xeografía e Historia da USC co actual equipo decanal. Forma parte do Grupo de Investigación HISTAGRA e tamén do CISPAC.

O seu equipo decanal estará conformado por Jesús Horacio García García, profesor titular no Departamento de Xeografía; Mª Dolores Barral Rivadulla, profesora titular no Departamento de Historia da Arte, e por Manuela Costa Casais, profesora contratada doutora no Departamento de Xeografía.