O Ránking de Shanghai por materias sitúa a USC entre as 100 mellores universidades do mundo en Veterinaria e Farmacia

A USC ocupa o chanzo 51-75 do Ránking de Shanghai por materias en Ciencias Veterinarias (posición 4-5 entre as universidades de toda España) e o 76-100 en Farmacia e Ciencias Farmacéuticas (posto número 2 a nivel estatal). A terceira mellor posición nesta clasificación internacional de universidades segundo eidos temáticos é para Odontoloxía e Ciencias Orais, ámbito que ocupa o intervalo 151-200 a nivel mundial e o posto 4-5 entre as universidades españolas. O número de materias nas que destaca a Universidade de Santiago de Compostela ascende a un total de quince, pertencentes a todas as áreas de coñecemento avaliadas polo ránking. 

A institución compostelá destaca tamén en Ciencias Ambientais e Enxeñaría, ámbito no que ocupa o terceiro posto a nivel estatal. Ademais, a USC ocupa no contexto español o posto 2-6 en Ciencias Biolóxicas Humanas; en Psicoloxía, sitúase no chanzo 3-8; en Biotecnoloxía, ocupa o banzo 5-7; mentres que en Física, a posición acadada sitúa a USC no posto 5-9. En todos estes ámbitos a USC acada o posto 201-300 do mundo. 

O resto de ámbitos nos que destaca a Universidade de Santiago de Compostela son: Administración de empresas (posto 6-9 de España e 201-300 internacional), Ciencias Políticas (8-9 de España e 301-400 internacional), Medicina Clínica (9 de España e 401-500 do mundo); Ecoloxía (9-20 de España e 301-400 internacional), Ciencias Agrícolas (11-19 de España e 201-300 do mundo); Química (13-15 do Estado e 401-500 do mundo); Tecnoloxía e Ciencias dos Alimentos (13-19 de España e 201-300 do mundo). 

Metodoloxía

A clasificación elabórase en base a diversos indicadores: World-Class Faculty (premios internacionais, persoal investigador altamente citado, xefatura de edición en xornais académicos internacionais ou liderado en organizacións académicas internacionais), World-Class Output (artigos nas publicacións máis citadas e premios académicos internacionais), calidade e impacto da investigación, así como as colaboracións internacionais á hora de realizar artigos. O ránking abarca un total de 55 materias pertencentes a Ciencias Naturais, Enxeñaría, Ciencias da Vida, Ciencias Médicas, e Ciencias Sociais. Os datos bibliométricos recompiláronse de Web of Science e InCites durante o período 2019-2023. Máis de 1.900, dun total de 5.000 universidades en 96 países e rexións, aparecen rexistradas na clasificación deste ano. 

Posición global 

A clasificación global publicada en agosto de 2024 polo Academic Ranking of World Universities (ARWU), popularmente coñecido como Ránking de Shanghai, situou a USC no intervalo 501-600 das mellores universidades a nivel mundial. A posición acadada nesta última edición supuxo un ascenso con respecto ao ano pasado, cando a institución compostelá se situara no chanzo 601-700. 

En 2024, a USC conseguiu, tal e como xa sucedera en 2023, o seu máximo histórico nun dos parámetros que analizan os resultados da investigación, concretamente o que responde ao número de artigos publicados en Nature e Science. Ademais, a Universidade de Santiago de Compostela tamén veu incrementada a súa puntuación no indicador HiCi, un parámetro que fai referencia ao número de artigos indexados no Science Citation Index-Expanded e no Social Science Citation Index ao longo do ano pasado; así como no parámetro relativo ao rendemento académico per cápita. A USC tamén destacou no apartado relativo ao número de persoal investigador altamente citado na base de datos Web of Science, propiedade de Clarivate Analytics.