Físicos desentrañan os impulsos que motivaron as respostas á consulta sobre o cambio de hora da Comisión Europea en 2018

No verán de 2018 a Comisión Europea lanzou unha consulta pública en liña sobre o cambio estacional de hora, na que se obtiveron máis de catro millóns de respostas procedentes de 28 estados membros. Dos resultados acadados, desprendeuse que máis do 80% das persoas participantes amosábanse a favor de que Europa deixase de mudar a hora. Descubrir cales foron os impulsos que motivaron en cada país que as persoas participantes se decantasen por unha ou outra opción é o obxecto do estudo que o catedrático da USC, Jorge Mira Pérez, e o profesor da Universidade de Sevilla, José María Martín Olalla, acaban de publicar na revista Chronobiology International

Os investigadores analizaron como se distribuíron as taxas de resposta a favor e en contra da actual política horaria e constataron que os países que iniciaban en promedio a súa actividade máis cedo foron os que amosaron unha maior oposición ao cambio de hora. Este achado é fundamental xa que evidencia que as opinións en contra do cambio horario obedecen a “unha resposta fisiolóxica simple a estímulos externos”. 

 “A consulta pública tratouse coma se fose unha enquisa, destacando o balance de respostas a favor e en contra do cambio de hora. Nós, pola contra, tratámola como un experimento natural e estudamos como se distribuíron quen dixo ‘non’ (ou ‘si’)”, destaca Jorge Mira. “De media un 0,5% da poboación do país respondeu á consulta pública, é unha taxa moi pequena para aventurar o resultado dun hipotético referendo sobre o cambio de hora, pero é un número máis que suficiente para facer un estudo observacional e analizar que estímulos influíron en que as persoas se manifestasen a favor ou en contra do mecanismo actual”, subliña Martín Olalla.

Os autores explican que a regulación do cambio de hora busca aliñar o inicio da actividade laboral co amencer. Por iso nos seus cálculos utilizan a distancia entre o inicio da actividade laboral e o amencer invernal, que dá idea das condicións de luz nese momento. “O matiz é clave. Cando usamos a hora de inicio da actividade laboral non se atopan correlacións significativas coa consulta pública, pero cando analizamos a distancia da hora de inicio ao amencer invernal, entón si se ve que países con entradas máis temperás obtiveron taxas en contra maiores”, sinala Martín Olalla. «Este resultado non pode explicarse se, como vén sendo habitual entre as persoas detractoras da mudanza horaria, se relacionase o cambio de hora co fuso horario ou coa lonxitude xeográfica; só ten sentido cando o cambio de hora se ve como unha resposta que está modulada fisioloxicamente”, resalta Jorge Mira.

O estudo suxire que a regulación actual tenta artellar un equilibrio entre, por unha banda, quen entra máis cedo e máis prexudicado se vería cunha hora de verán permanente que incrementaría as horas matutinas sen luz natural e, pola outra, quen entra máis tarde e se atopa máis cómodo coa situación actual pero, ao mesmo tempo, se vería máis prexudicado cunha hora de inverno permanente.

Recensión na revista Science

As achegas desta investigación engádense ao estudo publicado a semana pasada no que Jorge Mira Pérez e José María Martín Olalla revisaban o impacto do cambio estacional de hora na saúde humana considerando dous tipos de efectos: os asociados coa mudanza en si, e os vinculados cos meses nos que está vixente o horario de verán. Esta investigación, na que tamén se comparaban os casos das cidades de Bogotá e Nova York, situadas no mesmo meridiano pero a distintas latitudes, acaba de ser obxecto dunha recensión na revista Science.