Madrid, 18 de marzo de 2025
O director de Turismo de Galicia, Xosé Merelles, participou esta tarde na entrega dos Premios Pilgrim 2025 que recoñecen empresas, entidades e personalidades que destacan pola súa achega ao Camiño de Santiago. O acto tivo lugar no Palacio de Gaviria, na capital española, despois de que premiados e autoridades visitasen a Igrexa de Santiago e San Juan Bautista, punto de inicio do Camiño de Santiago en Madrid.
Xosé Merelles tivo palabras de agradecemento aos máis dos 20 galardoados con estes premios e salientou que co seu traballo, compromiso e apoio contribúen a engrandecer aínda máis a cultura e a civilización xacobea. Entre eles, figuran, entre outras, as entidades de Paradores, Correos, Fundación ENKI, Estrella Galicia; personalidades como o Chef José Andrés, Lucía Freitas, Xurxo Carreño, Paco Nadal e Tamara García Romero e diferentes aloxamentos do Camiño en Galicia, España e Portugal.
Ademais, destacou que desde a Xunta de Galicia se traballa na organización do vindeiro Xacobeo 2027, para o que é fundamental a implicación dos sector empresarial e social da Comunidade e dotar o evento de máis proxección e rendibilidade.
O Camiño de Santiago é cada vez unha alternativa máis demandada para coñecer Galicia e no que vai de ano un total de 12.000 persoas xa o percorreron, incrementándose a un ritmo do 16% con respecto ao ano pasado. Concretamente, 5.000 eran de procedencia nacional, representando un 42%. Precisamente, os peregrinos que parten da capital española teñen dúas opcións para chegar a Santiago de Compostela, ben conectando co Camiño Francés ou coa Vía da Prata.