A Cátedra Valle-Inclán homenaxeará in memoriam o profesor Javier Serrano Alonso

A Cátedra Valle-Inclán da USC, no marco do 50 Aniversario da Facultade de Filoloxía, organiza para o 26 de marzo unha serie de actos In Memoriam de Javier Serrano Alonso (1962-2024), recoñecido valleinclanista, profesor do Departamento de Lingua e Literatura Españolas, Teoría da Literatura e Lingüística Xeral e membro do Grupo de Investigación Valle-Inclán e da Cátedra homónima. O acto estará presidido polo vicerreitor de Transformación Dixital e Innovación, Gumersindo Feijoo.

A programación dará comezo ás 12.00 horas cunha conferencia do profesor Iglesias Feijoo no Salón de Graos do centro, tras a que terá lugar a presentación do libro de Serrano Alonso Ramón del Valle-Inclán. El Trueno Dorado, Edición facsímil, diplomática y crítica, publicado na Biblioteca da Cátedra Valle-Inclán de Edicións USC e a inauguración da exposición El Trueno Dorado de Ramón del Valle-Inclán no segundo andar. Na súa innovadora obra, Javier Serrano Alonso analiza as vicisitudes do proceso de escritura e publicación desta novela valleinclaniana, ofrecendo por primeira vez unha edición facsímile, diplomática e crítica tanto en soporte papel como en formato dixital.

Exposición El Trueno Dorado de Ramón del Valle-Inclán
A exposición céntrase en ilustrar, a través de imaxes e da documentación pertinente (manuscritos, ilustracións, fotografías, edicións e outros materiais), a complexa historia da novela póstuma de Valle-Inclán. Esta obra foi escrita durante a súa estadía en Santiago no ano 1935, cando o autor, enfermo de cancro, estaba sendo tratado no sanatorio do Doutor Villar Iglesias. Durante este período, Valle-Inclán traballou na súa novela ata poucos días antes do seu falecemento, o 5 de xaneiro de 1936. A obra foi publicada post mortem no diario madrileño Ahora.

Esta mostra permanecerá aberta de 8.30 a 20.30 horas ata o 9 de abril, cando será clausurada cunha segunda conferencia impartida por Javier del Valle-Inclán Alsina ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade.