Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2025
O conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, participou esta mañá na apertura dunha xornada formativa de atención a diversidade dirixida a persoal orientador dos centros e docentes especialistas en Pedagoxía Terapéutica e en Audición e Linguaxe, onde destacou a inclusión educativa como un dos sinais de identidade da calidade do ensino galego.
Non en balde, Galicia conta con máis de 5.000 profesionais dedicados á atención á diversidade e é a comunidade máis inclusiva do Estado, con máis do 90% deste alumnado matriculado en centros ordinarios. Cun propósito de mellora permanente nun eido que esixe todos os esforzos posibles, Román Rodríguez apostou por seguir traballando nesta liña con iniciativas concretas que se plasmarán na futura Estratexia de Inclusión.
O titular de Educación do Goberno galego agradeceu aos participantes a súa implicación e disposición en seguir formándose a nivel profesional, o que redundará nunha mellor atención aos estudantes. De feito, na xornada de hoxe inclúense relatorios e debates sobre aspectos específicos como a regulación emocional nos procesos de aprendizaxe, as contornas de aprendizaxe seguras, o programa de acollida ao alumnado estranxeiro, a atención ao alumnado con trastorno específico da linguaxe ou as posibilidades da intelixencia artificial na atención á diversidade, entre outros.