A Xunta súmase á conmemoración do Día Mundial dos dereitos dos consumidores con puntos informativos para a cidadanía nas sete grandes cidades

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2025

Con motivo do Día Mundial dos dereitos das persoas consumidoras, a Xunta de Galicia ten en marcha na xornada de hoxe, a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, diferentes puntos de información ao consumidor situados nas sete cidades galegas. O director xeral de comercio e consumo, Gabriel Alén achegouse esta mañá a visitar o stand ubicado na entrada principal do edificio provisional da praza de abastos de Ourense. Simultáneamente, fixérono nas súas respectivas cidades, a delegada territorial da Xunta na Coruña, Belén do Campo, no mercado da Praza de Lugo; a de Ferrol, Martina Aneiros, no mercado da Magdalena; o de Lugo, Javier Arias, nos soportais do mercado da rúa Quiroga Ballesteros; o de Pontevedra, Agustín Reguera, na praza de abastos; e a de Vigo, Ana Ortiz, no mercado do Progreso. Pola súa parte, a xerente do Institulo Galego do Consumo e da Competencia, Sol Vázquez, estivo presente no espazo habilitado no mercado de abastos de Santiago.

A través destes puntos convídase á cidadanía a coñecer máis sobre os seus dereitos como persoas consumidoras e sobre as ferramentas que a administración autonómica pon ao seu dispor para asesorarlle, acompañarlle e, en último caso, axudarlle a restituír os seus dereitos. Entre estes recursos figura o teléfono de balde 900 23 11 23, as oficinas situadas na Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago, Vigo e Ferrol e os convenios asinados coas diferentes organizacións de consumidores de Galicia.

As actividades de hoxe súmanse ás desenvolvidas ao longo da semana con motivo desta efeméride, como a posta en valor do Laboratorio de Consumo de Galicia —referente a nivel tanto nacional e internacional no ámbito do control de mercado e que ten analizados máis de 10.000 produtos desde o inicio da súa actividade—, as diferentes xornadas de portas abertas realizadas na Escola Galega de Consumo ou o desenvolvemento de actividades formativas en materia de consumo en centros educativos de toda Galicia, que continuarán nos vindeiros días.

Cómpre lembrar que o Instituto Galego do Consumo e da Competencia, dependente da Consellería de Emprego, Comercio e Emigración, atendeu o pasado ano máis de 37.500 consultas e tramitou arredor de 20.300 reclamacións. No que vai de ano 2025 xa se levan atendido 6.544 consultas e 3.764 reclamacións.

Deja un comentario