O Grupo de Neurobioloxía Celular e Molecular da Enfermidade de Parkinson do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CiMUS) da USC, liderado polo catedrático José Luis Labandeira, organizou este venres na Facultade de Psicoloxía a xornada Unistem Day 2025, o evento internacional máis importante de divulgación sobre células nai e terapia celular, promovido pola Università degli Studi di Milano.
O obxectivo do encontro é achegar a ciencia a novo estudantado e espertar o seu interese e vocación pola investigación nunha contorna participativa e dinámica. Deste xeito, a Facultade de Psicoloxía de Santiago reuniu preto de 300 estudantes e profesorado procedentes dos centros educativos IES Rosalía de Castro, Colegio M. Peleteiro, Colegio Compañía de María, IES Xelmírez I, IES Xelmírez II e IES Pontepedriña, de Santiago, o IES Manuel García Barros de A Estrada e o IES Francisco Aguiar de Betanzos.
A xornada inaugurouse nun acto que contou coa presenza da vicerreitora de Política Científica da USC, María Pilar Bermejo Barrera; a decana da Facultade de Psicoloxía, María José Sampedro Vizcaya; e o co director do CiMUS e investigador principal del grupo organizador, José Luis Labandeira.
Unistem Day 2025 inclúe charlas impartidas por persoal docente e investigador da USC que abordan os últimos avances no campo das células nai e a terapia celular. Entre elas, ‘Células nai, o Lego® da vida: poñemos a primeira peza, de Carmen Díaz e Begoña Villar; ‘Reprogramando células, rexenerando tecidos: o futuro da medicina’, de Pablo Garrido, Rita Valenzuela, Mateo Vázquez e Laura Camacho; ‘Do laboratorio ao cerebro: Como se poden usar as células nai?’, de Ana M. Muñoz, Juan A. Parga, Lucía A. García e Jannette Rodríguez; e ‘Desenmascarando o mundo das células nai’, por Alicia Costa e Andrea López.
Ademais, desenvolven xogos interactivos conducidos por Laura Camacho, Lucía A. García, Mateo Vázquez, Cristina Gianzo, Pilar Aldrey e Iria Novoa, coa colaboración de CASIO División Educativa, Principia e CiMUS. Este ano, como novidade, incluirase a charla ‘Descubrindo o método: Así investigamos!”, impartida por Ana I. Rodríguez.
O evento conta co patrocinio de diversas entidades e empresas comprometidas coa educación e a investigación, como CiMUS, Celta Ingenieros, Cienytech, Cientisol, Casio División Educativa, Principia, Merck, Editorial Elsevier, Editorial Panamericana, Editorial La Esfera de los Libros, Domino’s Pizza, Gadis e Albarin Catering.