O estudo sobre a viabilidade das denominacións de orixe de pequeno tamaño realizado por Rubén Boga e Valerià Paül, vinculados ao departamento de Xeografía da USC, conclúe que o número de produtores que participan nun programa de indicacións xeográficas non constitúe un factor crítico para o seu éxito. Tal e como se desprende do artigo titulado ‘Because of its size, it’s not worth it!’: The viability of small-scale geographical indication schemes’, publicado en Food Policy, os elementos fundamentais son o apoio institucional público e a presencia/ausencia dunha estrutura de xestión de persoas produtoras.
A investigación que analiza a denominación de orixe do Queixo do Cebreiro de forma comparada coa eslovena Tolminc, tamén queixeira e cativa en termos de produtores abranguidos, acaba de ser recoñecida cun accésit no marco da XI edición do Premio Valentín Paz Andrade, que distingue traballos de investigación relativos ao desenvolvemento rural de Galicia.
Metodoloxía cualitativa
“Analizamos os principios teóricos que sustentan as indicacións xeográficas e buscamos determinar se o número de produtores que participan nelas é importante”, explican no artigo Rubén Boga e Valerià Paül. “Para iso, desenvolvemos unha metodoloxía cualitativa centrada en dúas producións de queixo a pequena escala situadas en zonas de montaña”, engaden. O estudo constata que en ambos os casos, Queixo do Cebreiro e Tolminc, só dúas queixerías producen activamente os queixos certificados coa denominación de orixe; con todo, os dous estudos de caso difiren enormemente.
No Queixo do Cebreiro, a indicación xeográfica considérase unha oportunidade de desenvolvemento, pero “o escaso número de produtores compromete a súa sustentabilidade”. En Tolminc, pola contra, a denominación de orixe atópase, tal e como sinala o estudo, “monopolizada por unha empresa e ofrece poucos beneficios aos numerosos produtores desvinculados de toda a rexión”. O xurado do premio destacou deste traballo “o seu sólido fundamento e o manexo excelente das técnicas cualitativas de análise”. Neste senso, a investigación apostou por dar voz a produtores e persoal técnico directamente implicados nas producións, como mecanismo para comprender o seu funcionamento.
Beneficios para o territorio
Rubén Boga e Valerià Paül destacan que este artigo permite recoñecer as denominacións de orixe pequenas como a do Queixo do Cebreiro que “malia non ter moitos produtores implicados, moitas veces, por mor das condicións estruturais e o despoboamento que afecta moitas áreas rurais e de montaña, son quen de achegar unha serie de beneficios diversos para o territorio”. Ademais, salientan que as producións agroalimentarias deste tipo, “moi habituais por Galicia adiante, contribúen activamente ao desenvolvemento rural do país”, conclúen.
