Aprobado o Plan de Formación de Persoal de 2025

O Plan de Formación de Persoal da USC, dirixido a PDI, PTXAS e PI e aprobado hai uns días pola Xerencia, contempla para este ano 2025 un total de 222 accións formativas, que supoñen máis de 2.300 horas. Con accións xa en execución, este plan “debe entenderse coma un documento vivo, suxeito a modificacións”, advirte a responsable do Centro de Formación de Persoal (CPF), Isabel Vaquero.

Para a súa elaboración, o CPF tivo en conta os diversos documentos estratéxicos e de actuación da USC que teñen que ver coa formación (Programación Plurianual, Plan de Internacionalización, Plan de accións de normalización lingüística, Estratexia de Formación 2023-2026, Liñas xerais de orzamento 2025), a necesidade de manter selos e acreditacións de unidades e centros, así como de ofrecer formación para o mantemento de capacitacións do persoal para determinados postos.

O Centro de Formación de Persoal atendeu ademais as necesidades formativas detectadas nun proceso participativo sobre a formación do PTXAS no que se consultou as direccións das áreas da Xerencia e as xefaturas de unidades e direccións de servizos e, por vez primeira e cumprindo a recomendación do Consello Asesor, os decanatos dos centros e as direccións de centros e institutos de investigación no referido á formación do PDI e do PI. En total recibíronse 225 propostas.

Os programas
O Plan estrutúrase arredor dos sete programas formativos establecidos na Estratexia 2023-2026 como son o de Acollida, Desenvolvemento e perfeccionamento profesional, Innovación, Dirección e liderado, Formación de formadores, Estabilización e promoción e Teletraballo.

Unha vez botado a andar o Programa de Acollida dirixido ao PDI axudante doutor/a, que xa vai pola segunda edición, neste ano estrearase o Programa de Acollida dirixido ao PTXAS. Pola súa banda, o Programa de Desenvolvemento e perfeccionamento profesional é o que acubilla a maior parte das accións formativas, 174, das cales 90 están dirixidas ao PDI-PI e 84 ao PTXAS-PI.

O de Dirección e Liderado pretende dotar e mellorar estas habilidades nos cargos académicos e, por vez primeira, nos responsables de centros de investigación. Ademais, acubillará por segunda vez o Curso de formación sobre a función directiva na USC (300 horas), que busca crear unha bolsa de persoal preparado para asumir postos directivos.

Xa o Programa de Innovación dálle continuidade a unha experiencia formativa novidosa, de aprender facendo en modo colaborativo (comunidades de aprendizaxe), e ábrese ás experiencias de acompañamento no posto e mentoraxe para postos críticos ou estratéxicos que vaian ficar vacantes por xubilación.

Co propósito de abrir unha liña de autoformación de calidade en materias transversais básicas a través do Campus Virtual, iniciarase o Programa de Formación de Formadores/as cun curso básico para a creación de cursos de autoformación para o PTXAS ao que se lle encarguen estas actividades.

Memoria sobre a formación de 2023
Na mesma xuntanza de marzo do Consello Asesor da Formación no que se lle deu conformidade ao plan para este ano, fíxose o propio coa Memoria correspondente a 2023, a primeira que axunta a formación de todo o persoal nun só documento, en lóxica coa creación do Centro de Formación de Persoal en setembro de 2022 e coa aprobación da Estratexia de Formación de Persoal 2023-2026.

2023 foi un ano de transición cara a outro modelo de planificación e organización da formación no que destacan as estreas do Programa de Acollida para o novo PDI; do Programa de Dirección e Liderado, cos cursos sobre a función directiva na USC e de introdución á función directiva para cargos académicos, e do Programa de Innovación, ademais de formación específica e urxente para contribuír a manter as capacitacións do PDI para traballar con animais de experimentación e a apertura do Plan de Formación a todo o PI da USC.

En total, organizáronse 217 cursos ou módulos, con 2.159 horas de formación e 3.928 prazas, na que participaron 3.605 persoas. Con todo, destaca a demanda de formación dos cursos (6.504 solicitantes para 3.574 prazas) e a taxa de abandono de case o 15% (de 3.220 persoas admitidas, obtiveron diploma 2.727), especialmente no caso do PDI (case o 20%). A docencia impartida na formación de 2023 supuxo un importe de 103.362€.

A valoración das actividades formativas de 2023 por parte das persoas asistentes é ben positiva: sitúanse moi maioritariamente entre 4,5 e 5 (nunha escala numérica de 1 a 5) no caso de actividades para o PDI-PI e entre 7 e 10 ((nunha escala numérica de 1 a 10) no caso de formación para o PTXAS-PI.