Lugo
Ofrecer á mocidade, de entre 18 e 29 anos, unha experiencia transformadora no Camiño de Santiago, enfocada en potenciar a súa capacidade para obter un emprego, é a meta que persegue o proxecto Pegadas, coordinado dende a USC. Esta iniciativa contempla un itinerario formativo que combina emprendemento, dixitalización, pensamento crítico e sustentabilidade. Pegadas propón unha formación previa a cada ruta e, durante o traxecto, actividades locais que permitirán ás persoas participantes explorar a cultura do Camiño. Ao finalizar cada expedición, a mocidade realizará unha curtametraxe que reflicta a súa aprendizaxe e dea visibilidade a esta histórica ruta.
O proxecto pretende impulsar a colaboración entre universidades, empresas de formación e entidades públicas locais para crear programas innovadores de formación, como o Outdoor Learning, dirixidos a mocidade con dificultades para completar cursos regulados. Ademais, Pegadas porá en valor o Camiño de Santiago como eixo que vertebra experiencias a través das fronteiras mediante vídeos elaborados polas persoas participantes nas expedicións do proxecto, á vez que adquiren competencias dixitais.
Enfoques híbridos
No marco deste consorcio, desenvolverase unha metodoloxía conxunta “que integre enfoques híbridos, combinando e-learning e actividades presenciais, para fortalecer competencias crave na mocidade que nin estuda, nin traballa, facilitando o seu acceso a programas de formación para o emprego e a vida”, explica o investigador principal do proxecto e profesor da USC na Facultade de Formación do Profesorado, Rubén Navarro. Así, brindarase apoio a persoas en risco de exclusión social, así como a aquelas que proceden de zonas rurais con limitado acceso a programas de formación.
O proxecto no que participa a USC, en colaboración con outras entidades como Femxa, CIM Alto Minho, Instituto Politécnico de Viana do Castelo, Politécnico do Porto ou o Clúster da Comunicación de Galicia, conta co apoio do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) a través do Programa Interreg VI-A España-Portugal (POCTEP). As persoas interesadas en inscribirse poden facelo a través da páxina web do programa.
