A actividade docente do vindeiro curso comezará o 8 de setembro e rematará o 5 de xuño

A actividade académica da Universidade de Vigo para o vindeiro curso 2025/2026 comezará o 8 de setembro e rematará o 5 de xuño. Así o aprobou este mércores o Consello de Goberno, nunha sesión na que tamén se deu o visto bo á convocatoria de axudas propias á investigación para este 2025, que incrementa a súa dotación ata os 238.000 euros, e á convocatoria de anos sabáticos para o vindeiro curso.

Á marxe destas cuestións, Manuel Reigosa iniciou a sesión dando a triste nova á comunidade universitaria do falecemento “do benquerido profesor”, xa xubilado, Patricio Sánchez Bello, ex director da Escola Universitaria de Estudos Empresarias, hoxe Facultade de Comercio, e pai do docente Patricio Sánchez Fernández. “Botarémolo moito en falta”.

O 8 de setembro, data de inicio da actividade docente do vindeiro curso

Segundo a planificación aprobada hoxe, a actividade docente do primeiro cuadrimestre comezará o 8 de setembro e rematará o 23 de xaneiro, mentres que o segundo cuadrimestre botará a andar ao día seguinte, 24 de xaneiro, e concluirá o 5 de xuño. Con todo, o calendario académico, máis aló da actividade docente, comprende entre o 1 de setembro e o 31 de agosto, non sendo lectivo nin o mes de agosto nin os períodos comprendidos entre o 20 de decembro de 2025 e o 7 de xaneiro de 2026, ambos incluídos, e entre o 30 de marzo e o 3 de abril de 2026, tamén ambos incluídos. A docencia tamén se interromperá o 16 e 17 de febreiro polo Entroido.

Ademais, o período comprendido entre os días 1 e 7 de setembro non computará para os efectos de actividades lectivas, pero neses días si que se poderán desenvolver actividades académicas non lectivas. O mesmo sucederá co período comprendido entre o 8 de xuño e 31 de xullo de 2026. Ademais dos festivos nacionais, autonómicos e locais, terá carácter festivo o luns, día 26 de xaneiro de 2026, no que se celebra o patrón da Universidade, San Tomé de Aquino, así como as festividades dos patróns dos centros.

Nesta sesión tamén se aprobou o calendario académico para o Centro Universitario da Defensa da Escola Naval Militar de Marín, no que as actividades académicas arrancarán o 1 de setembro de 2025 e rematarán o 19 de decembro nun primeiro período, e retomaranse o 8 de xaneiro para concluír o 20 de maio no segundo. 

Aumenta a dotación das axudas propias á investigación para 2025

Un dos puntos centrais da sesión do Consello de Goberno deste mércores foi a aprobación da convocatoria de axudas propias á investigación da Universidade de Vigo para o ano 2025. Segundo a vicerreitora de Investigación, Transferencia e Innovación, Belén Rubio, a convocatoria baséase nos mesmos ítems e criterios que en anos anteriores, pero increméntase a dotación total das axudas, que ascende de 225.000 euros a 238.000 euros. Na modalidade A, de Promoción da Investigación, destinaranse un total de 160.000 euros, repartidos de xeito que para contratos programa con grupos de  investigación a contía será de ata 80.000 euros; para a preparación de proxectos internacionais de I+D+i, 65.000 euros e para a reparación de equipamento científico, outros 15.000 euros. A modalidade B contará cunha dotación de 78.000€ para financiar reunións científicas, que se repartirán como segue: 56.000€ para a organización de congresos e reunións científicas; 11.000€ para a realización, comisariado e montaxe de exposicións artísticas e outros 11.000€ para subvencionar visitas de investigadoras e investigadores.

Para as axudas a contratos-programa na modalidade A.1, o prazo para presentar a solicitude será o que se indique na invitación cursada aos grupos que non resultaran adxudicatarios na convocatoria autonómica de axudas estruturais a grupos do ano 2025 e que resultasen ben valorados. Para as restantes axudas, o prazo de presentación das solicitudes remata o 14 de abril de 2025.

“Queixa formal” das universidades galegas fronte ao posible grao en Dereito de UIE

Manuel Reigosa centrou nesta ocasión o seu informe ao Consello na presentación de Galtia, a nova Fundación galega de atracción de talento investigador de alto nivel, institución que contará con máis de 35 millóns de euros de investimento e que se centrará en atraer a Galicia a 30 investigadores/as de “altísimo nivel”. Nesta liña, o reitor salientou que, pola súa banda, se empregará “a fondo” para convencer de que esta peza, “que faltaba en Galicia”, “é moi acaída e vai mellorar as institucións que aposten por ela”.

Deixando claro que a competencia “vai ser dura”, xa que ademais das universidades públicas tamén optarán a estas prazas os institutos de investigación biomédica, centros tecnolóxicos e outros organismos de investigación autonómicos, o que lle tocará á UVigo “é facer os deberes para conseguir traer a xente deste extraordinario nivel”.  Tras explicar os detalles da fundación, “pública, pero aberta a capital privado e cunha estrutura administrativa mínima”, o reitor deixou claro que, é unha “oportunidade única na que imos competir todos, a ver se somos quen de conseguilo”.

Á marxe desta cuestión, “claramente positiva”, o reitor amosou o seu desacougo por un tema que preocupa nas tres universidades galegas, a posible impartición da titulación de Dereito na Universidad Intercontinental de la Empresa, UIE. Reigosa subliñou neste senso que os tres reitores galegos xa amosaron ante a consellería a súa inquedanza e desacordo en que esta titulación se implante na universidade privada, dado que se trata dun título que xa se está a impartir en catro campus do sistema universitario público galego, “o que é dabondo para cubrir as necesidades que ten Galicia”.  

Reigosa explicou neste sentido que xa se mantiveron xuntanzas cos diferentes decanos e decanas a nivel galego na que se lles explicou que cando este tema chegue ao Consello Galego de Universidades o voto dos reitores será negativo. A maiores informou tamén de que se está a preparar de maneira coordinada entre as tres universidades unha “queixa formal” indicando os diferentes motivos en contra desta implantación, cuestión pola que se convocou a unha xuntanza este mesmo venres a todos os decanos/as destes títulos para que tamén contribúan coas súas achegas. “Non estamos en contra de que existan universidades privadas, nin en contra de que esta universidade privada chegue ao que marque a lei, neste caso 10 títulos, pero a Lei Galega de Universidades deixa ben claro que non deberían ser títulos repetidos, títulos que xa existan no eido público”.

No que respecta ao edificio de Enxeñaría Aeronáutica e do Espazo, salientou que xa está subido na plataforma do Ministerio e agárdase que, en breve, se lance o procedemento de licitación.

Por outra banda, o reitor informou de que se solicitou novo financiamento para o proxecto, Universidade Sen Fronteiras, unha iniciativa na que se unen as tres universidades galegas e as tres do norte de Portugal -Porto, Minho e Tras-os-montes e Alto Douro-. “Xa conseguimos pór en marcha catro títulos conxuntos que están a funcionar con razoable éxito, dous mestrados e dous doutoramentos, pero aínda queda bastante por facer”, explicou Reigosa, quen admitiu que a chegada de novo financiamento facilitaría o camiño. “Para nós é un proxecto importante” que, de seguir en marcha, facilitaría a posta en marcha “de novas titulacións que están xa nas ideas do Plan de Internacionalización”.

Outro proxecto ao que fixo referencia no seu informe foi o Laboratorio de Computación Cuántica. Neste senso, indicou que se está a negociar un acordo co Cesga para que “unha iniciativa tan importante para Galicia coma esta se poida implantar no sur de Galicia e, máis concretamente, na Universidade de Vigo”.

Modificacións na Normativa reguladora dos concursos de acceso aos corpos docentes universitarios

O Consello de Goberno tamén aprobou varias modificacións na Normativa Reguladora dos Concursos de Acceso aos Corpos Docentes Universitarios, ás categorías de profesorado permanente laboral e de profesorado axudante doutor. Segundo explicou a vicerreitora de Profesorado e Ordenación Académica, Adela Sánchez Moreiras, as modificación foron previamente aprobadas na mesa de negociación e na COAP e o principal cambio realizado afecta ás prazas de persoal funcionario, é dicir, ás de catedrático e titular. A normativa aprobada no Consello de Goberno do 20 de decembro estipulaba que os actos de defensa destas prazas serían virtuais, “pero agora acordamos que poidan ser actos presenciais, porque para moita xente é un dos fitos máis importantes da súa carreira, é un acto moi especial”.  O resto das modificacións que se aprobaron sobre esta normativa son de carácter procedimental, referidas a aspectos organizativos a orde de actuación das e dos aspirantes ou os prazos de reclamacións.

Convocatoria de anos sabáticos

Na sesión deste mércores tamén se aprobou a convocatoria de anos sabáticos para o vindeiro curso. O prazo de solicitudes está aberto ata o 28 deste mes de marzo e os criterios non sofren modificacións respecto da convocatoria anterior: 2 puntos por sexenio e 1 punto adicional se é un ‘sexenio vivo’; 1,5 puntos por quinquenio e, no que respecta aos cargos de xestión unipersoais, os últimos 10 anos segundo a valoración da ACSUG para os complementos, entre 10 e 20 anos o 75 % do anterior e máis de 20 anos, o 50 %.

Adeus a un “referente e unha institución” na Facultade de Comercio

Día triste na Facultade de Comercio, na que, asegura a súa decana, Consuelo Currás, “Patricio Sánchez Bello foi un referente e unha institución”. Durante 16 anos, Sánchez Bello, nado en 1946, foi director dun centro, ao que se incorporou logo de licenciarse en Ciencias Químicas na USC e doutorarse pola UVigo. Docente das materias de Peritaxe Mercantil e Estatística e Investigación Operativa, secretario do centro entre 1995 e 2000 e posteriormente director entre 2000 e 2016, Sánchez Bello, foi ademais o primeiro coordinador de Deportes da UVigo, ademais de fundador do Club Mercurio e membro do Observatorio de Vigo y su Área Metropolitana e do Instituto de Estudos Vigueses.

“Compañeiro, director e amigo”, son tres das facetas que Currás destaca do catedrático de Estatística e Investigación Operativa, que falecía nas últimas horas e de quen tamén lembra a súa “total implicación e defensa” dun centro, no que foi a cabeza visible da loita, da daquela Escola Universitaria de Estudos Empresariais, por implantar o Grao en Comercio en substitución da antiga Diplomatura en Ciencias Empresariais.