As universidades, protagonistas do cambio para alcanzar unha igualdade efectiva

Lugo,
Santiago de Compostela

Un ano máis, a Universidade de Santiago de Compostela mostrou o seu compromiso coa igualdade de dereitos, o apoderamento e a ampliación de oportunidades para todas as mulleres no acto institucional conmemorativo do Día Internacional das Mulleres que tivo lugar este luns 10 de maneira simultánea en Lugo e Santiago. En Compostela, recoñeceuse o programa ‘Unha enxeñeira ou científica en cada cole’ e a súa coordinadora e profesora da Área de Física Aplicada da USC, Encina Calvo Iglesias; mentres que en Lugo fíxose entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural a Antía Domínguez González e Iria Martínez Sambade. 

En ambos os campus deuse lectura ao comunicado da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero para a Excelencia Universitaria que conforman 53 universidades de todo o Estado no que asumen que a mocidade “será protagonista dos cambios necesarios para alcanzar unha igualdade efectiva, e as universidades debemos ter un papel moi activo nese cambio, especialmente ante a crúa realidade á que se enfrontan millóns de mulleres no mundo”. 

Lembran as universidades que “só no último ano 612 millóns de mulleres foron vítimas de conflitos armados”, que elas son máis vulnerables ao impacto do cambio climático e destacan o “alarmante” desequilibrio no acceso á educación básica. “E a situación aínda é máis grave cando falamos de mulleres con discapacidade”, advirten. A loita contra  a violencia contra as mulleres, a fenda salarial de xénero e a escasa presenza de mulleres en postos de liderado e toma de decisións en empresas, gobernos e institucións son outras cuestións que as universidade sitúan na súa axenda de reivindicacións.

No plano de actuacións máis concreto, as universidades asumen a súa responsabilidade coa igualdade de oportunidades mediante “o compromiso coa eliminación de fendas de xénero, sobre todo nas áreas STEM, e o recoñecemento e a visibilización do traballo académico e profesional das mulleres”. Ademais, engaden, “urxe a efectiva implantación de políticas de corresponsabilidade e conciliación así como a verdadeira erradicación do acoso e a discriminación por razón de xénero nas nosas institucións”. “Do mesmo xeito, a incorporación transversal da perspectiva de xénero en todos os plans de estudo axudaría a concienciar o profesorado e alumnado sobre esta realidade, incidindo no ámbito académico e social”, manifestan.

E dado que este ano o lema do 8M é ‘Para as mulleres e as nenas en TODA a súa diversidade’, en consonancia coa campaña mundial de ONU Mulleres, a USC asume que “é misión fundamental que incorporemos a perspectiva interseccional xerando espazos de convivencia, facilitando e flexibilizando o acceso a todos os colectivos, respectando as súas particularidades e propios contextos sociais e culturais, e ofrecendo as ferramentas necesarias ao persoal docente e á comunidade universitaria para educar no feminismo non só desde un enfoque único, senón desde a globalidade”.

Logo da lectura en Compostela por parte da delegada do reitor para a Igualdade, Sonia Esperanza Rodríguez Boente, a profesora Encina Calvo recolleu de mans do reitor Antonio López a súa placa con Mención Honorífica e pronunciou a conferencia ‘Dez edicións do programa para promover as vocacións femininas no ámbito CTEM’. A continuación, interviñeron a directora xeral de Promoción da Igualdade, María Quintiana Pérez, e a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartin. 

 

Encina Calvo Iglesias agradece o galardón. FOTO: Santi Alvite
Encina Calvo Iglesias agradece o galardón. FOTO: Santi Alvite

O acto en Lugo, impulsado polas comisións de Igualdade do campus, tivo lugar no exterior do Edificio Intercentros e correu a cargo da profesora da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, María Dolores Fernández Rodríguez, quen por quenda rotatoria foi a encargada de dar lectura ao manifesto. A seguir, as investigacións desenvolvidas por Antía Domínguez González e Iria Martínez Sambade foron recoñecidas ex-aequo na novena edición dos premios Enxeñaría e Muller Rural que impulsa a Escola Politécnica Superior de Enxeñaría. 

Dolores Fernández Rodríguez le o manifesto diante do Edificio Intercentros
Dolores Fernández Rodríguez le o manifesto diante do Edificio Intercentros

Entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural
Entrega dos premios Enxeñaría e Muller Rural

Un mes cheo de actividades

A maiores destes dous actos institucionais, dende a pasada semana os centros docentes e de investigación da Universidade de Santiago levan organizando un amplo e diverso programa de actividades que continuará durante todo o mes de marzo aberto ao conxunto da comunidade universitaria.