Lugo

“O desafiante contexto socioeconómico da Unión Europea para o futuro próximo —abandono de terras, envellecemento da poboación, novas incorporacións de profesionais da agricultura, acceso limitado á tecnoloxía en zonas rurais e migración de persoas emprededoras— impón a necesidade de desenvolver novos modelos de negocio para as comunidades rurais”. Con estas verbas xustifica a catedrática na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría, María Rosa Mosquera Losada, o nacemento do proxecto de investigación GREENCOOP, coordinado dende a Universidade de Santiago de Compostela.  Ao abeiro deste consorcio internacional, desenvolveranse un total de 18 laboratorios vivos, 15 en Europa e tres en China, para co-crear innovacións agroecolóxicas e dixitais.

En concreto, levaranse a cabo doce demostracións que se integrarán en tipos relevantes de sistemas agrícolas (ideotipos de predios) seleccionados polos Laboratorios Vivos que servirán de base para desenvolver novos modelos de negocio no rural. “Estes modelos mellorarán os negocios rurais actuais, permitindo superar a situación actual e adoptar solucións agroecolóxicas e dixitais innovadoras e rendibles, á vez que aumentan a prestación de servizos ecosistémicos ambientais, a calidade de vida das persoas que se dedican á agricultura e a revitalización das zonas rurais”, destaca a catedrática da área de Produción Vexetal da USC no Campus de Lugo.

GREENCOOP, dotado con oito millóns de euros, pretende promover a economía social, mellorar a prosperidade dos persoas que se dedican á agricultura e o emprendemento rural mediante a optimización do uso dos recursos no predio, a redución do dano ambiental, a mellora das condicións laborais e a inclusión —nomeadamente de mulleres—, o fomento da bioeconomía e a economía circular, e o aumento do número de empregos e competencias de alta calidade.

Agárdase que as demostracións promovan a participación das persoas que se dedican á agricultura e ao emprendemento rural nos sistemas alimentarios. Tal e como sinala a investigadora do Campus Terra, “isto contribuirá a aumentar a prestación e valorización dos servizos ecosistémicos, mellorar a seguridade alimentaria e mitigar e adaptar os sistemas agrícolas ao cambio climático, aumentando a resiliencia do mercado”.

Obxectivos

GREENCOOP é un proxecto de catro anos que aspira a crear e avaliar, a través dun enfoque multimodal e multidisciplinario, un conxunto de doce demostracións; analizar a integración das demostracións e as interaccións coas industrias relevantes nos negocios rurais da UE mediante o desenvolvemento dos novos modelos de negocio para as comunidades rurais; comparar os modelos de negocio actuais cos novos avaliando os seus impactos económicos, ambientais e sociais; e optimizar os novos modelos de negocio para mellorar a sustentabilidade dos sistemas agrícolas, a produtividade, a conectividade rural-urbana e a resiliencia fronte ao clima e o mercado.