Mañón (A Coruña), 7 de marzo de 2025
O conselleiro do Mar, Alfonso Villares, mantivo hoxe un encontro de traballo co sector do marisqueo do Barqueiro para abordar as necesidades dos profesionais nesta zona produtiva. Alí, o responsable autonómico, acompañado pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Marta Villaverde, e polo rexedor do municipio, Alfredo Dovale, valorou co patrón maior da Confraría, Antonio Gómez, vías de colaboración coa confraría para o desenvolvemento de iniciativas que permitan afondar na competitividade e sostibilidade da actividade pesqueira e marisqueira no municipio coruñés.
O conselleiro do Mar puxo en valor que a Xunta mantén varias liñas de axuda para facilitar aos pósitos o apoio ao desenvolvemento de proxectos que permitan mellorar as condicións de traballo das persoas traballadoras do mar. Así, nomeou as achegas autonómicas para equipamentos portuarios convocadas no mes de xaneiro e dotadas con 9 millóns de euros. Ademais, ata o vindeiro 21 de marzo está aberto o prazo de solicitude de axudas ao abeiro da estratexia de desenvolvemento participativo local (EDLP) dos Grupos de Acción Local do Sector Pesqueiro e que contan cun orzamento de 14,6 millóns de euros.